Ir o contido principal

As cafetarías do Campus de Lugo servirán café de comercio xusto durante a próxima semana

Participan na Semana Internacional do Comercio Xusto organizada pola asociación Cova da Terra

O Campus de Lugo sumarase á celebración da Semana Internacional do Comercio Xusto organizada pola asociación Cova da Terra e na que colaboran as vicerreitorías de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e de Cultura.
Deste xeito, durante a próxima semana crearanse varios ‘espazos xustos’ nos que se ofrecerá información sobre o este tipo de sistema comercial mentres que as cafetarías das facultades de Veterinaria, Ciencias e Administración e Dirección de Empresas e da Escola Universitaria de Formación do Profesorado servirán ata o 9 de maio café de comercio xusto. Así mesmo, sumaranse ás actividades programas para o día 10 de maio, data na que se celebra o Día Internacional do Comercio Xusto.
O comercio xusto é un sistema comercial baseado no diálogo, a transparencia e o respecto mutuo, que busca unha maior equidade no comercio internacional e no que se establecen relacións comerciais nas que non só priman os criterios económicos senón sociais e ambientais. O comercio xusto contribúe a un desenvolvemento sustentable ofrecendo mellores condicións comerciais e asegurando os dereitos de produtores e traballadores do Sur.
Con esta iniciativa preténdese chamar a atención sobre a problemática que rodea actualmente a produción de café, tal e como ven facendo a asociacións lucense Cova da Terra dende o ano 1995, que vende produtos procedentes de cooperativas de países empobrecidos.
XoguetesDentro deste programa, a vicerreitoría de Cultura organizou unha ruta para recoller materiais para a elaboración de xoguetes, que se celebrará o sábado 10 de maio, ás 10:00 horas. Esta actividade englóbase dentro da exposición de ‘Xoguetes para hoxe’ que se pode visitar esta semana na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria.
Os interesados en participar nesta actividade poden inscribirse ata o 6 de maio na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, no segundo andar do número 3 da praza Pío XII ou chamando ao teléfono 982 285 900 extensión 21511. O programa ten un custo de tres euros e inclúe tamén unha parada na praza Maior para gozar dun almorzo solidario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2008.