Caixa Galicia patrocina o Proxecto ESTALMAT de Estímulo do Talento Matemático pilotado pola Facultade de Matemáticas

Caixa Galicia financiará a posta en marcha no presente curso 2007-08 do Proxecto Estalmat-Galicia que promove a Facultade de Matemáticas da USC, como veñen de acordar ambas entidades nun convenio específico asinado polo reitor Senén Barro e o director da Obra Social CaixaGalicia Manuel Aguilar.
O Proxecto ESTALMAT-Galicia, que iniciou as súas actividades o pasado 29 de setembro, ten como obxectivo o estímulo do talento matemático en rapaces de 12 e 13 anos. O seu comité organizador, presidido polo decano da Facultade, o profesor Juan Viaño, conta con 11 membros e o equipo docente con 25 profesores de matemáticas de recoñecida valía nos distintos niveis do ensino.
ESTALMAT-Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e o CSIC. Ademais de participar destas axudas, o Proxecto ESTALMAT-Galicia, aprobado pola Real Academia o pasado 18 de abril, conta co financiamento específico de Caixa Galicia acordado neste convenio e con outras achegas que actualmente xestiona o comité organizador.
Cada curso académico 25 estudantes seleccionados seguirán un programa especial de dous anos de duración para o estímulo do talento matemático, seguindo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España que desde 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e Valencia. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 23 sábados do curso académico. Trátase de desenvolver aspectos distintos do currículo escolar, axudar a pensar e gozar coas matemáticas para detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
A pesares de ser a primeira vez que se implanta en Galicia, un total de 209 rapaces e rapazas de 12 anos de toda Galicia participaron nas probas de selección que tiveron lugar o pasado mes xuño. Dos participantes, 123 procedían da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 10 de Ourense e 59 da provincia de Pontevedra. Deles foron seleccionados os 25 rapaces e rapazas que, unha vez adquirido o compromiso dos pais, forman a primeira promoción de ESTALMAT-Galicia e dos que un é de Ourense, 2 da provincia de Lugo, 13 da Coruña e 9 de Pontevedra.