Ir o contido principal

La Caixa premia un proxecto de educación social desenvolvido pola USC e a asociación Aliad-Ultreia no cárcere de Monterroso

De esquerda a dereita, Laura Cruz, Carmen Morán e María Barba, na sede da Fundación La Caixa
De esquerda a dereita, Laura Cruz, Carmen Morán e María Barba, na sede da Fundación La Caixa
A iniciativa, coordinada por Carmen Morán e Laura Cruz, do grupo Sepa-Interea da USC, e María Barba, de Aliad Ultreia, aplica un plan de animación sociocultural no penal

O proxecto de educación social ‘Participa para transformar. Un proceso de cambio en prisión a través da animación sociocultural’, unha iniciativa desenvolvida no cárcere de Monterroso polo grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (Sepa-Interea) da USC, coordinado por José Antonio Caride Gómez, en colaboración coa Asociación Aliad-Ultreia de Lugo, vén de ser recoñecido cun dos catro accésits concedidos por La Caixa na convocatoria de Premios á Innovación Social 2017, á que concorreron 643 candidaturas de toda España.

A iniciativa de inclusión social activada no penal monterrosino, unha actuación coordinada polas profesoras do grupo Sepa-Interea da USC Carmen Morán de Castro e Laura Cruz López, xunto coa educadora social de Aliad-Ultreia María Barba Núñez, comezou a desenvolverse en 2011 no cárcere de Monterroso logo da realización dun diagnóstico participativo arredor dos problemas de convivencia detectados na prisión.

A elaboración deste estudo deu pé a planificación e posterior posta en marcha dun plan integral de animación sociocultural, cuxas accións contempladas seguen a desenvolverse ata a actualidade. O obxecto das medidas incluídas neste programa é amplo. De feito, o plan agroma accións orientadas a mellorar os niveis de coordinación interna das iniciativas socias e educativas no centro penal, pero tamén contempla actuacións de coordinación externa co Concello de Monterroso, a través das que se procura a progresiva inclusión do penal nos circuítos educativos, sociais e culturais municipais.

A entrega dos Premios de Innovación Social de La Caixa, uns galardóns a través dos que se procura recoñecer a vocación de transformación real e directa coa aplicación de métodos innovadores encamiñados a mellorar a calidade de vida das persoas en situación de risco de vulnerabilidade, celebrouse esta semana en Barcelona, no marco dun acto ao que asistiron, María Barba, Carmen Morán e Laura Cruz, así como o resto de persoas galardoadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2018.