Caixa Rural, Deputación de Lugo, CEL e USC asinan este luns a renovación do convenio de financiamento do CITT
O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rei, asinará o vindeiro luns, día 27 de outubro, a partir das 12.30 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a renovación do convenio a través do que distintas entidades e institucións garanten o financiamento e o funcionamento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo.
O presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, tamén participarán neste acto de sinatura dun acordo de colaboración que as distintas institucións implicadas manteñen activa desde hai xa varios lustros.
Os vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Javier Bueno e Andrés Barreiro, respectivamente, tamén estarán presentes neste acto protocolario, ao que tamén asistirán os técnicos que desenvolven a súa actividade diaria no CITT e durante o que se ofrecerán, entre outros, datos relativos ás achegas de cada un dos socios colaboradores, así como outros referidos á produción científica rexistrada o pasado ano na sede universitaria luguesa e o financiamento captado a través do desenvolvemento de proxectos científicos ou da prestación de determinados servizos.