Ir o contido principal

Caixa Rural Galega e CEL estenden o apoio á USC e renovan o convenio para financiar I+D+i no Campus de Lugo

Vista aérea do edificio Cactus do Campus de Lugo. Foto: Santi Alvite
Vista aérea do edificio Cactus do Campus de Lugo. Foto: Santi Alvite
A entidade presidida por Manuel Varela achega 50.000 euros para favorecer a dinamización, xestión de convocatorias de I+D+i e a difusión dos resultados de investigación na sede universitaria luguesa, segundo se recolle no acordo asinado co reitor Antonio López
Lugo

Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo estenden o seu apoio á USC coa renovación do convenio para o financiamento de actividades da Oficina da Vicerreitoría de Política Científica no Campus de Lugo, segundo se recolle no acordo que veñen de asinar esta semana de xeito telemático o presidente da entidade financeira, Manuel Varela, o reitor Antonio López e o secretario xeral da CEL, Jaime López Vázquez.

O obxectivo da renovación deste convenio, que se xa se estende durante máis de dúas décadas, non é outro que o de favorecer o desenvolvemento de actividades de investigación tecnolóxica na sede universitaria luguesa e a súa difusión durante o ano 2022, a fin de impulsar así a conexión efectiva en materia de investigación entre a USC, as empresas e a sociedade en xeral.

Caixa Rural Galega achega para esta finalidade unha partida de 50.000 euros destinados a sufragar os custes en materia de persoal, gastos correntes, actividades e elementos estruturais que se precisan para garantir a xestión de convocatorias, actividades e proxectos de I+D+i no Campus de Lugo.

A dinamización das áreas universitarias deficitarias na captación de recursos para I+D e a difusión e promoción entre o profesorado e a comunidade científica do Campus de Lugo das distintas convocatorias e proxectos de I+d+i, centran algúns dos cometidos específicos dun convenio que, un ano máis, tamén contempla a formación de persoal investigador para avanzar na protección dos resultados de investigación, ademais de para garantir a súa difusión á sociedade.

A participación da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) neste acordo non implica consignación económica algunha, xa que o seu compromiso é o de facilitar a difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación da USC entre os seus membros, ademais de colaborar na busca de socios empresariais para participar en proxectos colaborativos de carácter autonómico, nacional e internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2022.