Ir o contido principal

As caixas de aforros, a debate este luns nunha xornada en Santiago que inaugura o presidente da Xunta

As fusións e o futuro das caixas centran un encontro no que participan representantes políticos e expertos en economía de toda España

Baixo o título ‘Situación actual e perspectivas das caixas de aforros’, a USC xunto coa Asociación galega de estudos de economía do sector público organizan este luns 8 unha xornada de análise que se desenvolverá no Hotel compostelán Quinta da Auga (Paseo da Amaia, 23 B. Urbanización Brandía-Vidán).
A inauguración do encontro, prevista para as 9:30 horas, correrá a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nun acto no que participan a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Maite Cancelo, e o catedrático de Facenda Pública da USC e presidente da asociación organizadora, Luis Caramés.
A continuación, o director xeral de Política Financeira e Seguros da Generalitat de Catalunya, Ferrán Sicart i Ortí, reflexionará acerca dos procesos de fusión. Xa ás 11:30 horas terá lugar un panel sobre a situación das caixas de aforros no que participarán o presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, Juan Salle Barreiro Pérez; o deputado no Parlamento de Galicia e ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco; o coordinador de Economía do Partido Popular, Cristóbal Montoro; e o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, Pedro Puy Fraga.
A xornada da mañá rematará cunha conferencia sobre as caixas en perspectiva histórica a cargo de Francisco Comín, catedrático de Historia Económica da Universidade de Alcalá e académico da RACMYP.
O futuro das caixasAs implicacións sociais e territoriais das caixas será a cuestión coa que comece, ás 16:30 horas, a sesión da tarde cun relatorio do catedrático de Facenda Pública da Universidade de Alcalá de Henares e Premio Infanta Cristina de Economía, Manuel Lagares Calvo.
Unha hora máis tarde, noutro panel de debate profundarase sobre o futuro destas entidades de aforro. Participan o catedrático de Economía Financeira da USC, José Antonio Redondo López; o vicesecretario xeral do PP e presidente da formación en Andalucía, Javier Arenas; a deputada do Parlamento galego e portavoz de Facenda do PSOE Mª José Caride; o profesor de Organización de Empresas da USC, Xesús Veiga Buxán; e o presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas, Roberto Pereira.
A xornada rematará coa presentación das conclusións polo profesor Luis Caramés e co acto de clausura, ás 19:00 horas, que presidirá a conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, Marta Fernández Currás.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2010.