O cambio de temperaturas nun periglaciar ou as direccións preferentes en fracturas de próteses de cadeiras serven de base para un estudo sobre datos circulares
A doutora María Oliveira Pérez analizou na súa tese, titulada ‘Nonparametric circular methods for density and regression’ e dirixida polos membros do Departamento de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras e Alberto Rodríguez, o patrón de ciclos de cambios de temperaturas no periglaciar Monte Alvear (Arxentina) en colaboración co profesor Augusto Pérez Alberti, do Departamento de Xeografía Física, ou as direccións preferentes en fracturas producidas en próteses de cadeiras onde se analizaron datos dun experimento realizado na Upstate University (New York). Un traballo, este último, merecedor do premio ao mellor investigador novel na XIV Conferencia Española de Biometría. Con eses traballos buscaba introducir distintas técnicas estatísticas para a estimación da distribución e a construción de modelos de regresión con datos circulares, que xorden en moitos campos aplicados como a bioloxía (estudos de orientación animal), a xeoloxía (ángulos en formacións rochosas), a biomecánica (orientacións de fracturas) e a metereoloxía e a oceanografía (direccións de vento e correntes). O traballo deu lugar a tres artigos xa publicados en Computational Statistics and Data Analysis e no Journal of Environmental and Ecological Statistics, varias contribucións a congresos e a edición dunha libraría de software para R, NPCirc, coa implementación das técnicas propostas, xa dispoñible a través de Comprehensive R Archive Network.