De camiñada polo Pirineo Navarro en xullo
A Área de Deportes da USC organiza no mes de xullo unha ruta de sendeirismo en Auritz-Burguete, no Pirineo Navarro. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición nesta actividade ata o próximo 16 de xuño nas instalacións da Área de Deportes na Piscina Universitaria.
Con saída dende Santiago o domingo 4 de xullo e regreso o sábado, día 10, a inscrición –entre 460 e 540 euros, en función da categoría- inclúe media pensión nun hostal de Burguete e en distintas casas rurais das localidades visitadas, a viaxe e os desprazamentos diarios no autobús para facer as rotas en compañía de dous monitores. Esta iniciativa ten un aforo limitado, cun mínimo de 25 persoas e un máximo de 30.
Para a viaxe, con rutas de entre 15 e 25 quilómetros aproximadamente, cómpre ter experiencia e un bo estado de forma, tendo en conta que é unha zona de montaña e os desniveis poden ser fortes.
A viaxeAuritz está situado no Pirineo navarro, moi preto de Roncesvalles e da Selva de Irati, a unha distancia de 45 quilómetros de Pamplona. É unha vila rodeada de prados e bosques, que ofrece aos visitantes unha paisaxe de gran beleza.
O día 4 viaxarase a Burguete e ao final do día realizarase un pequeno paseo ata Roncesvalles. A xornada seguinte realizarase un percorrido ao alto de Urkiaga, acadando o cumio do pico Mendiaundi (1215 m) e optativamente o pico Adi (1440 m).
Xa o 6 de xullo a rota será desde o alto de Ibañeta á Fábrica de Orbaitzeta. Enlázase co Camiño de Santiago para percorrelo en dirección contraria, polo chamado ‘Camiño de Napoleón’ ata o pico Urkulu (1430 m., ascenso optativo). Pouco a pouco, entre zonas de pastos e bosques chégase ás ruínas da fábrica de armas do século XVIII de Orbaitzeta.
Saint Jean Pied de Port é a visita do día 7, xornada de descanso para pasear por esta fermosa vila francesa, onde para moitos peregrinos comeza o Camiño de Santiago. Será o día 8 cando se percorra a selva de Irati, de fermosos bosques e vilas.
A última das rutas, o día 9, irá de Burguete a Orbara, atravesando marabillosos faiales e zonas de pasto e gandería.