Ir o contido principal

O Camiño de Santiago no Salnés, a figura de Castelao e as plantas medicinais, novas propostas da Universidade de Verán

O Camiño de Santiago no Salnés, a figura de Castelao e as plantas medicinais, novas propostas da Universidade de Verán
O Camiño de Santiago no Salnés, a figura de Castelao e as plantas medicinais, novas propostas da Universidade de Verán
O luns comezarán tres cursos sobre estes temas en Lugo, Rianxo e Vilanova de Arousa

A programación da Universidade de Verán continuará a vindeira semana coa inauguración de tres novos cursos en Lugo, Rianxo e Vilanova de Arousa. Así, o luns 28 comezan a súa programación os titulados ‘ As plantas medicinais e o desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e os Ancares lucenses’ que se celebra no Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER); ‘ O camiño de Santiago no Salnés: comunicación e medio natural’, a celebrar nas localidades de Vilanova de Arousa e Cambados; e ‘Ao redor de Castelao’ en Rianxo. Plantas medicinais O curso ‘As plantas medicinais no desenvolvemento das reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses’ citará do 28 ao 31 de xullo 50 persoas na sede do Ibader nun programa que mestura relatorios, obradoiros e visitas a empresas emprazadas en Galicia. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidirá o acto inaugural o luns, a partir das 9.45 horas. Os directores do programa, os profesores do Departamento de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro e Rosa Romero, tamén participarán na apertura do curso, un acto ao que tamén asistirá a deputada da área de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, e un representante do Concello de Lugo. O programa deseñado busca ofrecer unha visión sobre as plantas e fungos medicinais dende diferentes aspectos, afondando nos que podemos atopar en Galicia e naqueles aspectos que fan posible que poidan ser contemplados como un recurso económico complementario no medio rural galego, e especialmente nos espazos protexidos, como as Reservas da Biosfera, contribuíndo así ao desenvolvemento rural nestas zonas. O Camiño de Santiago no Salnés O curso dará a coñecer a ruta xacobea en Galicia como un espazo de comunicación e cultura, con especial atención á Ruta do Mar de Arousa, ademais de achegar o patrimonio arquitectónico, artístico e paisaxístico existente nos concellos desta Comarca. En opinión dos seus promotores, Lois Celeiro e Xoán Piñeiro, esta proposta estival contribuirá ao respecto e á divulgación das características do Camiño de Santiago como patrimonio da humanidade. O acto inaugural comezará ás 10.00 horas na Fundación Comarcal do Salnés en Cambados. Este curso conta co financiamento da Mancomunidade do Salnés (Concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e O Grove) e a colaboración da CRTVG. Ademais é unha actividade recoñecida como formación permanente do profesorado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Arredor de Castelao En Rianxo, entre os días 28 e 31, este curso pretende ser unha achega multidisciplinar á figura poliédrica de Castelao. A súa perspectiva dende a actualidade precisamente sobre os temas sobranceiros no seu facer, o pensamento económico en Castelao, os debuxos de nenos, o mundo da muller e Castelao e o home galego hoxe, son algúns das referencias presentes no programa de 15 horas que coordina Carlos Mella Villar e Marcial Gondar, como secretario. O programa deste curso de verán celebrará a súa inauguración o lunes 28 nun acto ás 11.00 horas no Auditorio do Pazo de Martelo en Rianxo. Cofinancian o seu desenvolvemento a Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo e a Fundación Castelao.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2014.