Unha campaña dálle visibilidade ao protocolo da USC contra o acoso

Máis do 80% do alumnado da USC desexa recibir formación específica en igualdade e prevención da violencia machista, tal e como constata o proxecto de investigación ‘Diagnóstico do acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero na USC’, coordinado pola profesora María José Méndez Lois. Esta investigación desenvolvida no marco da convocatoria propia da USC para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e financiado con cargo a fondos deste Pacto, no marco do convenio de colaboración da Xunta de Galicia e a USC, analiza unha mostra integrada por 1065 persoas pertencentes á toda a comunidade universitaria.
O estudo conclúe que só un 11,3% do alumnado, o 27,1% do PDI e o 23,2% do PAS coñece o ‘Protocolo fronte ao acoso sexual e acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero da USC’. Para paliar esta situación, ponse en marcha a campaña ‘Fórmula fronte ao acoso’ para achegar e ampliar a súa visibilidade deste protocolo que entrou en vigor no ano 2017 e que se activou ata en dez ocasións. A investigación coordinada por Méndez Lois conclúe que os chistes e os xestos lascivos son as situacións máis habituais neste tipo de acoso.