Ir o contido principal

A campaña de doazón chega a Ciencias da Educación

A comunidade universitaria de Compostela terá unha nova ocasión para doar sangue este martes 25 na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte (r/ Xoán XXIII) onde se vai instalar unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. Esta situarase diante da entrada do centro en horario de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas. A mesma campaña chega tamén no Campus de Lugo, onde a doazón se poderá realizar na Escola de Formación do Profesorado. Alí o Centro de Transfusión desprazará unha Unidade que permanecerá aberta de 9.30 a 14.30 e situarase ao carón da entrada principal, no aparcadoiro. As persoas que decidan participar nesta campaña deberán acudir almorzadas, deixando pasar dúas horas dende o momento do xantar. Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista confidencial, para descartar calquera aspecto que a impida. Ademais, realízanse medicións de pulso e tensión sanguínea así como unha análise de sangue. Para doar é preciso ter máis de 18 anos, saúde normal e un peso superior aos 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatite B, hepatite C, SIDA, ...). É un proceso que dura aproximadamente entre 5 e 7 minutos e para o que se emprega material estéril dun só uso, que se abre momentos antes de atender á persoa doadora. Os homes poden doar ata un máximo de catro veces ao ano e as mulleres ata en tres ocasións, deixando pasar entre cada vez un mínimo de dous meses. O volume se sangue extraído, 450 mililitros, recupérase nas dúas horas posteriores á extracción. 7.126 doazóns en 2010-2011 Durante o curso 2010-2011 nas universidades galegas rexistráronse 7.126 doazóns, cun incremento do 0,44 por cento con respecto ao exercicio anterior e unha taxa de 106 doazóns por cada 1.000 alumnos e ano, superando as recomendacións da OMS e da taxa media de Galicia neste mesmo senso. Do total do espazo universitario galego, a USC foi a que rexistrou unhas cifras máis elevadas ao alcanzar 3.352 e unha taxa de 119 doazóns por cada 1.000 alumnos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2011.