A campaña de doazón de sangue continúa a vindeira semana nos Campus de Santiago e Lugo
A segunda fase da campaña de doazón de sangue continúa na Universidade de Santiago. A unidade móbil do Centro de Transfusión estará a vindeira semana en cinco facultades de Compostela; e na de Ciencias de Lugo. Concretamente, o martes 5, as persoas que o desexen poderán facer as súas doazóns en Santiago, na unidade que se colocará diante da Facultade de Ciencias de Educación do Campus Norte; e na situada fronte aos aularios de Ciencias, en Lugo; en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. O mércores 6 de abril, as doazóns poderán realizarse, no mesmo horario da xornada anterior, en Santiago, concretamente en Bioloxía e Matemáticas; e o 7, en Ciencias de Educación (Campus Vida), Física e Psicoloxía. A campaña de doazón continuará nas vindeiras semanas, ata maio, mes no que rematará a segunda quenda desta iniciativa, que comezou o pasado 1 de marzo. Durante a primeira fase da campaña, que tivo lugar entre outubro e decembro de 2010, a USC incrementou un 17 por cento a taxa de doazóns de sangue respecto ao mesmo período do curso anterior, ao pasar de 1.487 a 1.796 doantes. Por campus, o incremento foi maior no de Santiago que, con 1.462 doantes, elevou a taxa un 22,75 por cento respecto ao curso pasado; mentres que en Lugo a doazón ascendeu un 12,8 por cento, ao rexistrar 334 extraccións.