Ir o contido principal

Unha campaña explica en Lugo a importancia da profesión veterinaria para garantir a saúde pública

A campaña One Health, promovida pola Dirección Xeral de Sanidade e Consumidores da Comisión Europea e a Federación de Veterinarios de Europa (FEV) preséntase este martes 16 en Lugo baixo o lema ‘Animais + Humanos = Unha saúde’ para conmemorar os vintecinco anos da Facultade de Veterinaria do campus lugués.
Esta iniciativa diríxese á cidadanía en xeral e dun xeito especial aos estudantes dos centros de educación secundaria, co obxectivo de conciencialos da importancia da labor veterinaria para evitar os riscos de contaxio de enfermidades animais aos seres humanos, para manter as medidas de bioseguridade nas granxas e para previr a diseminación das enfermidades mediante a vacinación. Ademais, esta campaña informará dos riscos asociados á introdución de mascotas ou de alimentos sen control dende outros países.
As actividades da campaña ‘One Health’ en Lugo desenvolveranse estes martes 16 e mércores 17 dende as 10:30 ata as 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas nunha furgoneta que se situará no fondo da Praza Maior. Neste vehículo, dous estudantes da Facultade de Veterinaria de Lugo repartirán material informativo e ofrecerán aos asistentes a posibilidade de participar en actividades de animación como é o caso da roda da fortuna, que repartirá agasallos relacionados coa iniciativa entre os participantes.
O programa desta campaña complétase coas conferencias sobre ‘O valor e a ilusión de ser veterinario’ que a veterinaria clínica, Ana López Pombo, e un estudante de quinto curso de Veterinaria en Lugo, Ángel Abuelo Sebio, impartirán en institutos da capital para concienciar aos máis novos do importante papel da profesión veterinaria non soamente no coidado do benestar e saúde dos animais, senón tamén para garantir a saúde pública. Estas charlas terán lugar este martes 16 ás 11:45 horas no IES Lucus Augusti, e o mércores 17 á mesma hora no IES As Mercedes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2010.