A campaña ‘Gústame o galego’ chega este xoves ao campus universitario de Lugo
A campaña ‘ Gústame o galego’, unha iniciativa de fomento da lingua coa que se pretende dar visibilidade ao apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotografías con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións cotiás, chega esta xoves, 19 de setembro, ao campus de Lugo.
Os/as universitarios/as que desexen sumarse a este campaña, desenvolvida xa ao longo desta semana nos campus de Compostela, terán a oportunidade de facelo a través do photocall que se instalará o xoves 19, diante da Biblioteca Intercentros. O horario será de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. O obxectivo desta iniciativa que promove dende a súa orixe a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua é favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego en xeral e na USC en particular. Outro dos cometidos da campaña pasa por provocar a reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións, ademais de achegar tanto a espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en calquera ámbito facéndoas visibles a través de persoas concretas.
Quen se achegue este xoves ao photocall instalado diante da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo poderá deixar constancia das súas preferencias na utilización do galego, elixindo de entre un total de 30 lemas xerais e dez máis específicos para apoiar a utilización do galego no espazo universitario.