Ir o contido principal

A campaña de matrícula da USC en 2012-2013 xa ten imaxe

A campaña de matrícula da USC en 2012-2013 xa ten imaxe
A campaña de matrícula da USC en 2012-2013 xa ten imaxe
O reitor entregou os premios do concurso de Ideas para o deseño da imaxe coa que a USC difundirá o vindeiro curso 2012-2013 a súa campaña de matrícula

‘Universidade de Santiago de Compostela: investigando, descubrindo e creando cultura’ é o lema da proposta que lle valeu a Luis Eduardo Estévez Cachafeiro o primeiro premio do Concurso de Ideas para o deseño da imaxe coa que a USC difundirá o vindeiro curso 2012-2013 a súa campaña de matrícula. Estévez Cachafeiro, estudante de Psicoloxía da USC, recibiu os 1.000 euros correspondentes á dotación do premio este venres 20 nun acto presidido polo reitor Juan Casares no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. O xurado decidiu outorgar tamén un accésit, dotado con 600 euros, que nesta ocasión recaeu na estudante de Belas Artes da Universidade de Vigo Lilen Carletta pola proposta ‘Construímos dende o coñecemento’. O seu deseño utilizarao o programa ‘A Ponte’ como inicio da súa campaña para o curso 2013-2014. Á convocatoria podían concorrer estudantes universitarios e de ensino medio residentes en Galicia que cursen estudos en calquera centro da comunidade autónoma. Presentáronse preto de corenta obras inéditas, entre as que se atopan as dúas destacadas polo xurado, que valorou a calidade, o valor artístico e a versatilidade de adaptación de ambas as dúas propostas aos diferentes soportes e formatos que se empregarán na campaña do curso académico 2012/13. Integraron o xurado encargado de avaliar as ideas presentadas a adxunta ao reitor para Coordinación Interna, Mercedes Pintos Barral, en calidade de presidenta por delegación do reitor; o coordinador do programa A Ponte, Luís Hervella; a directora da Oficina de Información Universitaria (OiU), Isabel Braña; o xerente de Unidixital, Antonio Vázquez; e o director do Gabinete de Comunicación da USC, Lois Celeiro. Esta iniciativa que alcanzou este curso a súa terceira edición busca que sexa o estudantado, a quen vai dirixida a campaña, quen se implique coa súa participación. O xurado subliñou a súa satisfacción pola participación rexistrada tanto de estudantado das universidades galegas, como de Bacharelato na modalidade de Artes Plásticas e tamén de ciclos de FP relacionados co deseño. Tamén destaca a participación de estudantes estranxeiros que se atopan realizando os seus estudos en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2012.