Ir o contido principal

O campionato galego universitario de deportes colectivos reunirá en Lugo máis de 350 participantes os días 19 e 20 de marzo

Raúl Centelles, Pedro García Herradón, José Manuel Díaz Grandío e Jesús Castro, na presentación do torneo
Raúl Centelles, Pedro García Herradón, José Manuel Díaz Grandío e Jesús Castro, na presentación do torneo
As competicións de fútbol, baloncesto, voleibol, fútbol sala, fútbol 7, balonmán e rugbi 7 desenvolveranse nas distintas instalacións deportivas da capital luguesa

O XVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos congregará na capital luguesa os vindeiros días 19 e 20 de marzo máis de 350 participantes das tres universidades galegas, segundo puxeron de manifesto o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, o concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, e o responsable da área de Depores do campus de Lugo, Jesús Castro, no acto de presentación deste torneo, no que tamén estivo presente o delegado de Coca Cola na provincia de Lugo, Raúl Centelles.

García Herradón destacou na presentación deste torneo deportivo de carácter interuniversitario a boa acollida que ten oferta de actividades deportivas programadas no campus de Lugo, no que as distintas escolas deportivas rexistran arredor duns 350 participantes inscritos cada cuadrimestre. O vicerreitor do campus de Lugo agradeceu asemade o traballo feito desde a Área de Deportes para a organización do XVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, ao tempo que destacou a colaboración recibida da Deputación e do Concello de Lugo para facer posible este proxecto. Este torneo, que volve celebrarse despois de nove anos en Lugo, onde xa se disputará no ano 2004, abrangue disciplinas diferentes como son fútbol sala, fútbol 7 feminino, fútbol 11 masculino, baloncesto, voleibol, rugbi 7 e balonmán. As competicións, que serán na modalidade masculina e feminina en todos os deportes, agás nas disciplinas xa indicadas, terán lugar nas distintas instalacións emprazadas na capital luguesa. Pazo dos Deportes de Lugo, campo de fútbol das Gándaras, polideportivo de O Palomar, pavillón municipal de Lugo, as instalacións da Casa do Deporte e as pistas polideportivas Gregorio Pérez Rivera, acubillarán as distintas competicións nas que tomarán parte seleccións de deportistas das universidades de A Coruña e de Vigo, ademais da Universidade de Santiago de Compostela.

A entrega de trofeos aos equipos gañadores en cada unha das disciplinas deportivas deste campionato faráse ao remate de cada xornada de competición, entre as 15.30 e as 16.00 horas, no hall do salón de actos da Facultade de Veterinaria, segundo comentou o responsable da área de Deportes do campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2013.