O campionato mundial ‘D3MOBILE Metrology World League 2014’ bota a andar este mércores na Escola Politécnica
O campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil ‘D3mobile Metrology World League 2014’ bota a andar este mércores, a partir das 12.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, onde investigadores do grupo USCAN3D da USC, promotores deste proxecto, presentarán ao público unha iniciativa a través da que a Universidade de Santiago de Compostela pretende potenciar as vocacións científicas entre estudantes nados/as entre 1996 e 1998 a través dun elemento de uso cotiá como é o teléfono móbil.
O director deste proxecto, o profesor da USC Juan Ortiz Sanz, explicará todas as particularidades desta competición, así como outros datos referidos ao desenvolvemento da mesma, no transcurso dun acto no que tamén estarán presentes o vicerreitor de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, e o delegado de Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro. A profesora e coordinadora do grupo de investigación da USC para a Documentación en 3D, Mariluz Gil Docampo, e Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, un dos patrocinadores desta iniciativa de fomento da cultura científica e da innovación avalada tamén pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), tamén participarán na presentación da D3mobile Metrology World League 2014. Este campionato pioneiro, que na súa segunda edición pretende acadar unha dimensión internacional e está aberto á participación de estudantes de todo o mundo, desenvolverase completamente en liña. Toda a información referida ao torneo estará accesible a partir deste mércores, día 8 de xaneiro de 2014, na páxina http://www.d3mobile.es.