Ir o contido principal

O Campus de Compostela será a vindeira semana escaparate do cooperativismo

O prazo de inscrición para a xornada Universocoop remata o luns 4

Unha xornada, unha exposición e unha Escola Móbil serán os tres elementos centrais sobre os que se vai desenvolver do 4 ao 8 de novembro a Semana do Cooperativismo na USC, unha iniciativa da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o Consello Galego de Cooperativas en colaboración coa Universidade de Santiago, quen recentemente formalizou a súa adhesión á Rede Eusumo. Esta iniciativa busca que a comunidade universitaria teña a oportunidade de achegarse á economía social como unha fórmula para a xeración de riqueza e emprego. Neste contexto, a xornada Universocoop celebrarase o mércores 6 na Facultade de Ciencias Económicas de xeito gratuíto para presentar cuestións técnicas sobre o cooperativismo, así como experiencias de cooperativas reais formadas por universitarios e universitarias. Así, ademais de coñecer testemuñas de titulados/as universitarios, explicarase o proceso de constitución deste tipo de sociedades ou as principais características diferenciadoras dende o punto de vista da fiscalidade, a contabilidade e a xestión económicas. O prazo para inscribirse nas xornadas remata o próximo luns 4. Co lema ‘Descubre as cooperativas’, esta semana de actividades inclúe unha mostra que ofrece un percorrido dinámico e interactivo polas potencialidades do cooperativismo e a economía social. Permanecerá instalada na Facultade de Ciencias Económicas do 4 ao 8 de novembro e expón de xeito visual os pasos precisos para acceder ao autoemprego baixo esta fórmula. Para completar o abano de actividades, a Semana do Cooperativismo na USC inclúa unha Aula Cooperativo Móbil, na que se impartirán obradoiros, información e asesoramento ao longo de toda a semana en Campus Vida. Xunto isto, a USC inclúe no seu Edificio Emprendia un punto de información e asesoramento en materia de cooperativismo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web da Rede Eusumo (http://www.eusumo.coop/).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2013.