Ir o contido principal

O Campus de Lugo oferta para o vindeiro curso 16 graos e 13 posgraos

Pedro García e Mª Isabel González na presentación da oferta académico do Campus de Lugo
Pedro García e Mª Isabel González na presentación da oferta académico do Campus de Lugo

Os estudantes que desexen cursar estudos no Campus de Lugo o vindeiro curso 2011-2012 terán á súa disposición unha oferta académica que integran 14 graos con límites e outros dous sen, incluíndo un de nova implantación sobre Xestión de Pequenas e Medianas Empresas. A estes hai que sumar un total de 13 posgraos das áreas de Ciencias da Saúde (4), Ciencias Xurídico-Sociais (3), Humanidades (1) e Enxeñarías e Arquitectura (5). Os datos presentounos este venres en rolda de prensa o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus lugués, Pedro García Herradón, quen estivo acompañado da adxunta para estudos de Grao e Posgrao, Mª Isabel González Rey. García Herradón lembrou na presentación que titulacións que se imparten no Campus como Enfermaría, Veterinaria ou Nutrición Humana e Dietética atópanse entre as que rexistraron o presente curso unha nota de acceso máis alta. En total durante 2010-2011 matriculáronse en titulacións luguesas 5.341 estudantes, dos que preto dun millar o fixeron en primeiro curso. Prestando atención á procedencia do alumnado, o maior número procede de estudantes da propia provincia de Lugo (2.995), seguida da Coruña (1.091), Pontevedra (425) e Ourense (181). Outro centenar sería de alumnos que proceden de fóra de España.

Das restantes provincias españolas, o Campus recibiu neste curso case a 600 estudantes, dos que 91 se matricularon en primeiro curso, procedentes de diferentes lugares da xeografía española aínda que con especial atención aos de Asturias (176), León (59), Madrid (32), Biscaia (20), Barcelona (13) e Illas Baleares (13).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2011.