O Campus de Lugo presenta a programación do Cuarto Ciclo Universitario para este curso
Os responsables do Cuarto Ciclo da USC no Campus de Lugo presentan oficialmente o curso 2012-13 nun acto que se celebrará o martes 23 ás 17.00 horas no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior. Na presentación participan o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o coordinador do Cuarto Ciclo no campus lucense, o profesor Emilio Carral Vilariño, ademais dos docentes e alumnos desta modalidade universitaria. "O obxectivo principal desta presentación é explicar aos novos alumnos o funcionamento do cuarto ciclo, que ademais está a sufrir modificacións produto da súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, como a redución a catro anos fronte aos cinco anteriores e algún outro cambio en canto á estrutura dos cursos e ao tipo de materias impartidas" explica Emilio Carral. Para esta nova edición o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 2 de novembro. No Campus de Lugo, toda a información relativa ao cuarto ciclo pode obterse en horario de mañá na Unidade de Xestión Académica (Edificio da Biblioteca Intercentros) ou no teléfono 982 823 553. As clases darán comezo o luns 5 de novembro. O cuarto ciclo da USC é un programa dirixido a persoas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel formativo. Durante o curso pasado matriculáronse neste ciclo un total de 189 alumnos só no Campus de Lugo, 53 deles por primeira vez, o que supuxo unha marca desde a posta en marcha desta modalidade universitaria.