Ir o contido principal

O Campus lugués abre as súas portas ao Plan Impulsa Lugo para a mellora do tecido produtivo da provincia

De esquerda a dereita, Jesús Pernas, Severino Fernández, Jesús Castro, Manuel Chaín e Carlos Herrero
De esquerda a dereita, Jesús Pernas, Severino Fernández, Jesús Castro, Manuel Chaín e Carlos Herrero

O vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero, amosou a súa vontade de que o Campus de Lugo contribúa activamente na mellora do tecido empresarial da cidade, mediante a aberta colaboración entre o programa Impulsa Lugo e o Campus universitario. “Seguindo co compromiso do Campus para o desenvolvemento de Lugo e a súa comarca, a Universidade ofrece neste senso a súa capacidade investigadora e de formación de persoal, así como a súa experiencia en iniciativas para a creación de empresas”, engadiu Herrero no transcurso dunha recepción que tivo lugar este mércores na Vicerreitoría. Ao acto asistiron o presidente e secretario da asociación Plan Lugo Jesús Pernas e Severino Fernández, respectivamente, e os secretarios de Comisións Obreiras e UGT, Jesús Castro e Manuel Chaín, para presentar este plan á Universidade.
A finalidade de Impulsa Lugo, que xurdiu da iniciativa privada e no que se establece unha política de discriminación positiva para corrixir as desigualdades da provincia coa franxa atlántica, é a de incentivar aos emprendedores como motor de crecemento e de xeración do emprego. “O desenvolvemento da provincia xorde da investigación e o desenvolvemento para empezarmos a ser unha forza produtiva, e ese é o rol da Universidade”, apuntou Jesús Castro.
As empresas xeradas pola comunidade universitaria son un gran potencial “para crear ese marco económico que permita facer medrar o tecido empresarial da provincia”, explicou Jesús Pernas. Un proxecto, en definitiva, concluíu Carlos Herrero, no que a USC se poda considerar unha peza máis á prol do desenvolvemento da provincia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2009.