O Campus Terra avanza cara a súa acreditación como campus de especialización para transformar o sector primario

O Campus Terra está listo para concorrer á convocatoria para acreditarse como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG). A presentación ante o Consello de Goberno da USC deste xoves, da memoria coas accións executadas ata o de agora, así como do novo plan operativo para o trienio 2020-23, baixo o lema ‘(Co)liderando a transformación do sector primario’ culmina o proceso co que a USC quere consolidar o seu Campus de Lugo como “un referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental dos recursos da terra”.
A actualización da estratexia de especialización do Campus Terra artéllase en torno a dous eidos: a especialización docente e a investigación, seguindo unha axenda académica e científica específica, coa internacionalización como aposta ensamblada nestes ámbitos dunha forma transversal. A nova proposta ten unha perspectiva de sustentabilidade ambiental en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e coas novas tendencias en transferencia de coñecemento. Outro aspecto relevante é o enfoque One Health, a través do que se busca fortalecer a saúde pública e promover unha mellora da relación das sociedades coa natureza.
O documento elaborado evidencia tamén a progresiva implantación e o xa notable coñecemento experimentado ao longo dos últimos anos polo proxecto e a marca Campus Terra na sociedade en xeral e no tecido produtivo, en particular. Cara aos próximos anos, Campus Terra busca consolidar a marca a nivel galego e a súa difusión e diseminación internacional. Daquela, un dos obxectivos a medio prazo é do de facer visible este campus como xerador dun cambio no paradigma universidade-sociedade, a través do impulso e a posta en marcha de máis de 40 accións encamiñadas á mellora da calidade na educación e a calidade e relevancia en investigación, a potenciación das relacións internacionais, ou na produción e aplicación do coñecemento. Estas actuacións pretenden consolidar Lugo como polo de atracción de talento e de inversión, ademais de exemplo de modelo sostible de desenvolvemento socioeconómico baseado no coñecemento.
Nova oferta docente
A USC iniciou os trámites para a impartición o vindeiro curso 21/22 dos graos en Intelixencia Artificial e en Xestión Cultural. Ambas as dúas propostas atópanse entre as primeiras titulacións deste perfil no conxunto do sistema universitario español. Polo que se refire a Xestión Cultural é a única titulación ofertada neste ámbito en toda Galicia e impartirase tanto en modalidade presencial como semipresencial.
Xunto ás dúas novas propostas de grao, o Consello de Goberno aprobou tamén traballar na oferta de tres novos mestrados a partir do vindeiro curso: os de Ensino de Español como Lingua Estranxeira; en Desafíos das Cidades Atlánticas (proxecto Universidade sen Fronteiras - UNISF); e o de Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais (proxecto UNISF). A estes sumaranse as propostas de programas de doutoramento en Agricultura e Medio Ambienta para o Desenvolvemento; en Ciencias Sociais e Envellecemento (proxecto UNISF); en Matemáticas e Aplicacións (proxecto UNISF) e en Relacións Laborais e Recursos Humanos.
Rede de Estacións de Bioloxía
A infraestrutura de apoio á docencia e á investigación da USC reforzarase coa creación da Rede de Estacións Biolóxicas, na que se integrarán a Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol), a Estación Científica do Courel e a Estación de Hidrobioloxía do Encoro de Con (Vilagarcía de Arousa). A medida, tamén tratada nesta xuntanza do Consello, incidirá nunha mellor coordinación e complementariedade dos recursos dispoñibles neste centros.
Tomando como punto de partida o papel que este tipo de instalacións deben ter na investigación, docencia e protección do medio natural, a creación da Rede permitirá incrementar o valor social do traballo investigador neste eido; mellorar o fluxo de información; facilitar a xeración de sinerxías entre os tres centros en materia de docencia, investigación, divulgación e transferencia de coñecemento; así como promover o acceso adecuado dos membros da comunidade científica e estudantes aos sistemas terrestres, acuáticos e mariños, ao tempo que mellorar a súa eficacia operativa.
Outros asuntos
Outras cuestións abordadas nesta xuntanza do Consello de Goberno foron diversas convocatorias e comisións de selección de prazas de profesorado con vinculación permanente, propostas de complementos e de sexenios ou prórrogas anuais de profesorado asociado, entre outras cuestións. Completaron a orde do día, os puntos relativos ao Regulamento de Réxime Interno da Edius e da Escola Infantil Breogán ou co convenio para a reactivación da cátedra institucional de Empresa Familiar.