Ir o contido principal

O Campus Terra bota a andar o programa de formación 2023 cun curso sobre diagnóstico empresarial con Power BI

Edificio Cactus do Campus de Lugo da USC
Edificio Cactus do Campus de Lugo da USC
O economista Manuel Ramón Ramón é o encargado de impartir o seminario ‘Construír Dashboard Económico-Financeiro con Microsoft Power BI de 0 a 100’, promovido en colaboración co Colexio de Economistas de Lugo e que se desenvolverá os días 15 e 16 de maio na Facultade de ADE

O Campus Terra da USC abre este luns, a partir das 10.00 horas, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, o seu programa de formación complementaria específica co seminario ‘Construír Dashboard Económico-Financeiro con Microsoft Power BI de 0 a 100’, unha actividade organizada xunto co Colexio de Economistas de Lugo e que será impartida por Manuel Ramón Ramón.

O curso, estruturado en 14 horas de carácter presencial que se desenvolverán os días 15 e 16 de maio, en quenda de mañá e tarde, e homologado a efectos de formación continua obligatoria para auditores e como formación para experto contable, capacitará ao alumnado para facer análises de carácter económico-financeiro para empresas.

A preparación e visualización dos estados financeiros de perdas e ganancias, balance de situación e estado de fluxos de efectivo, o estudo detallado do diario contable, as técnicas de modelado máis apropiadas para deseñar Dashboards financeiros e a xeración de indicadores clave de desempeño (KPI), tanto básicos como avanzados que orienten o deseño de estratexias empresariais, constitúen algunhas das cuestións tratadas no curso.

Outros cursos

O programa de formación do Campus Terra 2023 contempla, alén deste módulo formativo sobre Power BI, un amplo abano de propostas formativas orientadas tanto aos axentes do sector produtivo, como a estudantes de grao e mestrado e a persoal docente e investigador da USC.

A oferta de cursos, que se irá actualizando e ampliando nas próxias datas, pode consultarse na web, na que tamén está accesible o formulario de inscrición nas programas xa pechados, entre os que figuran as xornadas sobre ingredientes e aditivos na industria láctea alimentaria programadas en xuño na APLTA, ou nos cursos de iniciación á viticultura e enoloxía ou de elaboración de queixos.

Outros dos módulos xa incluídos no Programa de Formación do Campus Terra 2023 abrangue temáticas diversas que van desde o programa matemático MatchCAD, a hábitos e técnicas de estudo, control do estrés, xestión de tempo e orientado laboral, introdución ao manexo de drons, plataformas de IoT, intelixencia artificial ou metodoloxías activas para o ensino innovador na sociedade do coñecemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2023.