O Campus Terra constitúe a súa Comisión Económica e Social para reforzar ligazóns co tecido empresarial e produtivo
O Campus Terra da USC pon en marcha a súa Comisión Económica e Social para fortalecer as ligazóns co tecido empresarial e cos distintos axentes do sector produtivo da contorna, logo dunha sesión constitutiva celebrada este xoves no edificio CACTUS da sede universitaria luguesa, no marco da que a responsable de Investigación e Innovación Cooperativa de Euskampus, Miriam Ruiz Yániz, ofreceu un relatorio sobre o caso de éxito deste Campus de Excelencia Internacional do País Vasco.
Este órgano de asesoramento externo do equipo de gobernanza do Campus Terra da USC contribuirá a fortalecer as relacións do campus de especialización con sede na capital luguesa coa súa contorna e permitirá coñecer de primeira man as demandas formativas, de investigación, innovación e transferencia que precisa o sector produtivo e, nun senso máis amplo, a sociedade en xeral, nos ámbitos de especialización do Campus Terra.
A Comisión Económica e Social servirá asemade para canalizar e dar a coñecer á sociedade o abano de servizos e as posibilidades de formación e I+D+i que ofrece o Campus Terra, que se focalizan nas áreas de Produción vexetal e agricultura sostible, Produción e saúde animal sostible, Alimentación segura e saudable e Xestión forestal sostible os catro eixos científicos principais da súa especialización. A estas áreas cómpre sumar de carácter transversal, tal e como son a utilización das TICs e as Ómicas, o cambio climático e biodiversidade e infraestruturas verdes.
A composición da Comisión Económica e Social do Campus Terra da USC dá así cabida a unha ampla representación de actores relacionados cos ámbitos de especialización antes citados. Daquela, este órgano de asesoramento externo acolle axentes dos sectores agrícola, gandeiro e forestal, así como a representantes do sector alimentario de Galicia e tamén doutras áreas transversais directamente implicadas, tal e como é son a economía, a saúde ou a xestión cultural.
Agader, XERA, Africor e Clusaga son algúns dos sectores produtivos e de transformación que integran a Comisión Económica e Social do Campus Terra, da que tamén forman parte representantes dos centros de investigación e transferencia ligados co sector agroalimentario e forestal, como Agacal ou MBG-CSIC, así como cunha nutrida presenza dos sectores profesionais a través dos distintos colexios oficiais e empresas locais tractoras como Grupo Leche Río e Maderas Besteiro. A USC, a través da figura do seu xerente, o delegado de Transferencia e Coñecemento, e a delegada do reitor para o Campus Terra, tamén participan desta comisión asesora.