Ir o contido principal

Campus Terra e Gradiant abren no CiTIUS as sesións de traballo do Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario

A xornada, que servirá para estruturar en grupos de traballo a actividade desta iniciativa tecnolóxica, desenvolverase este xoves a partir das 10.00 horas

O Digital Innovation Hub (Polo de Innovación Dixital para o sector Agroalimentario) impulsado polo Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) celebra a súa primeira reunión de traballo este xoves, a partir das 10.00 horas, no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) de Santiago de Compostela. O obxectivo deste encontro pasa por estruturar o polo nunha serie de grupos de traballo que permitan a súa posta en funcionamento.

Os distintos axentes que participen nesta sesión poderán avaliar os resultados do cuestionario inicial ao que, no mes de novembro, foron sometidos empresas, asociacións profesionais, clusters, universidades e centros tecnolóxicos, coa intención de afondar nos intereses e expectativas que as entidades interesadas teñen respecto deste polo de innovación dixital. No Digital Innovation Hub, no que participan representantes da Consellería de Medio Rural, conflúen, pola banda da demanda, un sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos así coma dos centros de coñecemento e innovación xeradores desas solucións e melloras que demanda o sector. Esta iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode tirar beneficios específicos: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos ou oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2016.