Ir o contido principal

O Campus Terra dá pulo ao liderado empresarial feminino a través da Feira de Primavera de Emprendedoras

Cartel do evento
Cartel do evento
A cita que terá lugar o 31 de maio na Praza da Mosqueira contará con numerosas casetas expositivas, mesas redondas e espazos de diálogo que sitúen no centro da análise o emprendemento das mulleres
Lugo

A Feira de Primavera de Emprendedoras chega neste 2025 á súa cuarta edición, centrada nun dos piares fundamentais do desenvolvemento económico e social do rural galego: a alimentación e a gastronomía. Este encontro impulsado dende o Campus Terra e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemeno da USC (AVTE), en colaboración con Woman Emprende e da Consellaría de Educación, Ciencia,  Universidades e Formación profesional da Xunta de Galicia, nace coa vontade de dar visibilidade ao papel das mulleres emprendedoras que, dende o medio rural, están a crear proxectos sólidos, innovadores e con profundas raíces no territorio.

Produtoras de alimentos, elaboradoras de queixos, marmeladas, viños, cervexas artesás, cociñeiras, restauradoras e outras profesionais do sector agroalimentario terán o 31 de maio, na Praza da Mosqueira, un espazo para mostrar o seu traballo e establecer sinerxías. Esta Feira conta tamén coa colaboración do Concello de Lugo e da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur).

A través de casetas expositivas, mesas redondas e espazos de diálogo, analizaranse os retos e oportunidades destas iniciativas, moitas delas de carácter familiar e cun forte compromiso coa sustentabilidade ambiental e social. Estes proxectos non só xeran emprego e riqueza, senón que contribúen de forma decisiva a frear o despoboamento e a manter vivo o tecido económico e cultural das comarcas rurais. Esta feira tamén quere ser un espazo de colaboración, onde compartir experiencias, crear redes e impulsar alianzas entre emprendedoras. Moitas destas mulleres apostan por modelos empresariais sostibles, nos que a cooperación, a innovación e o respecto pola tradición conviven nun equilibrio que fortalece o desenvolvemento local.

Programa

Logo do acto inaugural que terá lugar ás 10.30 horas, desenvolveranse unha serie de mesas redondas que abordarán cuestións tan diversas como a ausencia das mulleres na alta cociña; pan, saúde e innovación dende o rural; ou iniciativas empresariais innovadoras do sector agroalimentario. Ademais, ás 14.00 horas, poderase gozar dunha sesión vermú-gastro con foodtracks e amenizada polo DJ KRon. Os stands poderán visitarse entre as 10.00 e as 19.00 horas e de 11.45 a 12.45 haberá oco para o showcooking.

A listaxe de casetas intégrana Galletas Sacrapastas, Rural O Urbano, Embutidos Valentina, Tataraboas, As Coruxas, Embutidos Suarna, Caurelor, Mermeladas a Morena, Tres Fuciños, Ribeiregas, Champivil, A Horta de Sancoveiga, O Espíritu da Colmea, Lugo Sweets, Queixería Bisqato, Panadería Seivane e Mel das Fadas. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2025.