Ir o contido principal

O Campus Terra da USC celebra o día de Europa coa xornada sobre emprego e mobilidade ‘Móvete polo mundo’

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O acto desenvolverase o martes 9 de maio, a partir das 10.00 horas, na aula e-TERRA da Biblioteca Intercentros

O Campus Terra da USC celebra este martes 9 de maio, a partir das 10.00 horas, na aula e-Terra da Biblioteca Intercentros, a xornada ‘Móvete polo mundo’, na que os asistentes poderán obter información sobre saídas laborais na UE e organizacións internacionais, financiamento de proxectos á mocidade ou axudas á mobilidade, entre outros aspectos.

A xornada, organizada pola Vicerreitoría de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, a través da Área de Orientación Laboral da USC no Campus Terra, comezará cun breve acto inaugural a cargo da vicerreitora Carme Silva Domínguez. Trala súa intervención, Alba Cachafeira, do Servizo de Relacións Exteriores da USC abrirá a quenda de relatorios cunha charla que se leva por título ‘Os programas de mobilidade da USC: unha porta á experiencia internacional’.

A continuación, Víctor Mosquera Villanueva, da asociación xuvenil Don Bosco falará do Servizo de Voluntariado Europeo; mentres que Javier Naveira e Roberta Campagna, da Fundación Galicia Europa, abordarán as saídas laborais no contexto europeo e internacional. Pola súa parte, Manuel Fernández Méndez do Centro de Linguas Modernas impartirá o relatorio ‘A importancia do coñecemento de idiomas extranxeiros no mercado laboral’.

A xornada pecharase coas intervencións de Borja Rubio da Rede Galega de Dinamización Xuvenil Xunta de Galicia, quen disertará sobre os programas ‘Galeuropa: Programa de mobilidade xuvenil en prácticas transnacionais’ e ‘Garantía Xuvenil: Programa de empregabilidade para a mocidade’; e Carmen Santalla da Rede Eures, quen analizará a mobilidade laboral en Europa.

As persoas interesadas en participar como asistentes nesta xornada poden formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2017.