Ir o contido principal

O Campus Terra da USC explora usos e aplicacións da tecnoloxía dos ‘drones’ para a xestión e ordenación do territorio

Inauguración das xornadas sobre vehículos aéreos non tripulados na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
Inauguración das xornadas sobre vehículos aéreos non tripulados na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
A tecnoloxía dos vehículos aéreos non tripulados, na que a Xunta prevé invertir 130 millóns euros, constitúe “unha oportunidade para Lugo”, sinala o director de GAIN

Máis de 25 empresas ligadas aos ámbitos da Xeomática e a Topografía e ao deseño e desenvolvemento de aeronaves, así como profesionais do sector aeroespacial e investigadores de varias universidades participan desde hoxe no Campus Terra da USC nunhas xornadas sobre vehículos aéreos non tripulados, un foro tecnolóxico organizado pola Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topografía e o aeródromo de Rozas, no que formalizaron a súa inscrición máis de 150 persoas, e durante o que os distintos relatores convidados abordarán os potenciais usos e aplicacións desta tecnoloxía para o cuestións ligadas á xestión e á ordenación do territorio.

A tecnoloxía dos vehículos aéreos non tripulados, o que popularmente se coñece como ‘drones’, un eido tecnolóxico no que a Xunta de Galicia contempla unha inversión de 130 millóns de euros nos vindeiros anos, antóllase como “unha oportunidade para Lugo e para o desenvolvemento futuro da súa sede universitaria”, segundo salientou o director da Axencia Galega de Innovacion (GAIN), Manuel Varela Rey, na apertura destas xornadas, que rematarán o sábado 2 de abril cunha exhibición aérea no aeródromo de Rozas, no concello de Castro de Rei. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; a profesora da USC e delegada territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topografía, María José Iniesto; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta García, e o deputado provincial delegado da área de Innovación e TICs, Pablo Rivera, tamén interviron na apertura destas xornadas de difusión da tecnoloxía e intercambio de coñecemento no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados na EPS, onde se desenvolverá un amplo programa de sesións expositivos e obradoiros sobre esta temática. O centro universitario lugués tamén acolle, ao abeiro da celebración deste foro unha, exposición de distintos dispositivos aéreos non tripulados. Logo de salientar o grande impacto que están a ter na sociedade civil a tecnoloxía dos ‘drones’ e as múltiples expectativas de negocio xeradas arredor das súas diversas aplicacións, a delegada territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topografía, María José Iniesto, sinalou que estas xornadas están pensadas como foro de discusión e debate tecnolóxico e constitúen unha oportunidade para favorecer o desenvolvemento e intercambio de experiencias nesta materia, así como para debater sobre investigación, innovación e tecnoloxía. Estas xornadas, engadiu, son tamén unha boa oportunidade para amosar todo o potencial investigador e tecnolóxico que pode ofrecer o Campus Terra da USC cara o desenvolvemento e as futuras accións executadas ao abeiro do centro de investigación aerotransportable de Rozas. Atopar novos usos desta tecnoloxía aeroespacial no ámbito civil e coñecer a visión das empresas ou entidades usuarias destes servizos desde el punto de vista de negocio, ademais dos problemas cos que se atopan, son outros dos cometidos que pretenden os promotores destas xornadas de formación e divulgación sobre os vehículos aéreos non tripulados. Iniesto, quen tamén destacou e agradeceu participación das principais empresas e institucións do sector, entre as que figuran o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial (INTA) ou a empresa Indra, unha das empresas adxudicatarias do centro de investigación aerotransportable de Rozas. Respecto do desenvolvemento do programa, María José Iniesto indicou que este foro sobre vehículos aéreos non tripulados que o programa deseñado, inclúe, ademais de relatorios e presentacións de proxectos, un networking con empresas, e ata cinco obradoiros prácticos de diversa temática. Exposición de dispositivos tecnolóxicos na EPS

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2016.