O Campus Terra da USC formará a través dun curso expertos en xestión de recursos forestais, agrícolas e gandeiros
O Campus Terra da USC formará expertos en xestión de recursos forestais, agrícolas e gandeiros a través dun programa de formación continua promovido desde a Estación Científica do Courel e dirixido por Rosa Mosquera, profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior, e que desenvolverá as súas sesións lectivas do 22 de outubro ao 30 de xuño de 2017.
A USC pretende a través da oferta dun curso de expertos en xestión de recursos forestais, agrícolas e gandeiros satisfacer as necesidades de formación esgrimidas polos colectivos profesionais e demais persoas interesadas en adquirir coñecementos para ter así unha visión conxunta das diferentes actividades que se precisan para unha xestión sustentable do territorio. O programa do curso, que se desenvolverá en quenda de fin de semana, é moi amplo e inclúe temáticas diversas que abranguen desde cuestións relativas a saúde e seguridade no traballo, márketing, procesos de transformación de madeira, informática, estrutura e dinámica do cooperativismo, arquitectura sostible, identificación de especies, xestión gandeira e de montes veciñais e man común, aproveitamentos de recursos complementarios do monte, sistemas agroforestais, apicultura, pragas e enfermidades nos montes veciñais en man común, plantas medicinais, cultivos enerxéticos, prevención de incendios, agricultura ecolóxica, fertilidade do solo... O prazo de inscrición neste programa de formación continua da USC, para o que se ofrecen un total de 40 prazas permanecerá aberto ata o 15 de setembro. O primeiro módulo formativo do curso, que está aberto á participación de persoas con nivel de estudos medio (ESO, FP), así como a perceptores de axuda de novos agricultores, comezará a desenvolverse a finais do mes de outubro en Guitiriz. Os concellos de A Fonsagrada, Cervantes e O Courel tamén serán sedes de distintos módulos formativos organizado ao abeiro deste curso, que tamén recibe financiamento da Deputación de Lugo, así como de doutras entidades públicas e empresas privadas. A pertinencia deste programa formativo, estruturado en 20 créditos académicos e cuxa matrícula custa 1.200 euros, está fóra de dúbida, segundo indica a directora do programa. Rosa Mosquera lembra neste senso que Galicia ten preto de 600.000 ha catalogadas como montes veciñais en man común. Estas superficies están pouco explotadas e centran a súa actividade no compoñente forestal, a pesar de tratarse de áreas con moita potencialidade se se xestionan de forma adecuada, indica. As áreas que abranguen os montes veciñais en man común están habitualmente ocupadas por terreos forestais con especies de coníferas ou frondosas que se poden e deben compatibilizar con outras actividades como a produción gandeira, micolóxica ou apícola, entre outras, engade Rosa Mosquera. Esta profesora da USC destaca ademais como especialmente relevante a produción de biomasa, unha aposta de gran interese a curto, medio e longo prazo, sobre todo tralo compromiso acabado pola Comisión Europea de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ate o 40o/o das emisións do ano 1 990 no ano 2030. É por iso que este curso de experto é moi pertinente e de gran demanda social, científica e profesional, engade Mosquera, que ve este programa como unha posibilidade para que os propietarios e xestores do monte reciban formación en actividades relacionadas coa xestión do territorio forestal (compoñente forestal, gandeira para incrementar a produción e reducir o risco de incendios, cogomelos, abellas, pragas e enfermidades...) e tamén en asociacionismo e comercialización, co obxectivo de acadar unha formación integrada do experto.