Ir o contido principal

O Campus de Verán Científico Técnico reúne desde o martes en Lugo uns 70 estudantes de ensino secundario e Bacharelato

Os participantes neste campamento estival desenvolverán proxectos de investigación e coñecerán a oferta académica e os servizos do campus lugués durante catro xornadas

A primeira edición do Campus de Verán Científico Técnico Lugo reunirá desde o 25 ata o 28 de xuño na sede universitaria luguesa a 69 estudantes de ensino secundario e Bacharelato en centros educativos das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, que poderán gozar así da súa primeira experiencia universitaria a través dun amplo programa de actividades que inclúe relatorios, proxectos científicos e mesmo actividades de lecer.

O coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade, o profesor Luís Hervella, será o encargado de dar a benvida aos participantes neste campus de verán no transcurso dun acto que se celebrará o vindeiro martes, día 25 de xuño, a partir das 10.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. As profesoras Mercedes Novo, Marta López e Montserrat Valcárcel, que actuaron como coordinadoras desta iniciativa nas facultades de Ciencias e Veterinaria, así como na Escola Politécnica, tamén intervirán neste acto inaugural, no que se agarda a presenza dalgún representante político local. Unha vez rematada a xornada de presentación, os estudantes inscritos neste campus de verán, con idades entre os 15 e os 17 anos, visitarán os servizos xerais do campus e a súas instalacións para logo, xa en quenda de tarde, familiarizarse co espazo no que van convivir durante catro días a través dunha xincana. A presentación da oferta dos títulos de grao que se imparten nas facultades de Ciencias, Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Lugo centrará o comezo das actividades programadas nas xornadas do mércores, xoves e venres, e que terán continuidade co desenvolvemento de distintos obradoiros. Xa en quenda de tarde e xa repartidos en grupos segundo o proxecto de investigación escollido, os estudantes participarán en diferentes sesións prácticas e experimentais coordinadas por docentes. Logo de catro xornadas de convivencia, o I Campus de Verán Científico Técnico Lugo, unha iniciativa na que tamén tomarán parte 65 docentes da Universidade de Santiago de Compostela, chegará ao seu fin na tarde do venres 28 de xuño cun acto colectivo que contará con animación musical e pinchos e no que se procederá á entrega dos diplomas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2013.