O campus de verán Xuvenciencia Lugo recibe 170 solicitudes para participar nas actividades organizadas do 22 ao 26 de xuño

A USC recibiu máis de 170 solicitudes para participar nas distintas actividades formativas e de lecer que desenvolverá no campus de Lugo do 22 ao 26 de xuño no marco da terceira edición do campus de verán Xuvenciencia Lugo, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación e a través do que se pretende achegar a realidade universitaria, así como a oferta de estudos, servizos e as investigacións desenvolvidas no campus de Lugo da USC, ao estudantado preuniversitario.
A elevada demanda rexistrada supera o número de 120 prazas ofertadas nesta edición do campamento de verán que a USC realiza no campus de Lugo e que nesta ocasión, baixo o lema ‘ Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia co que se busca dar a coñecer aos futuros estudantes universitarios os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de achegalos á realidade e ás posibilidades que ofrece a vida universitaria. Unha vez rematado xa o prazo de inscrición neste programa, a profesora da USC e coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo, Mercedes Novo, indicou que máis dun centenar dos solicitantes xa formalizaron a súa matrícula. Ademais, logo de sinalar que a elevada demanda rexistrada, que supera en máis do 40% as prazas ofertadas, fai imposible atender todas as solicitudes, entre as que hai máis de 20 que repiten neste programa. A fidelidade amosada por este grupo de estudantes fixo que os organizadores deste campus de verán da USC optara por habilitar un módulo de expertos ou veteranos, especialmente orientado a este grupo estudantil a fin de ofrecerlles obradoiros e visitas distintas ás que xa completaron en edicións anteriores. Respecto da procedencia dos estudantes, a coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo, comentou que a maioría das peticións recibidas corresponden a estudantes que completaron estudos de 4º de ESO e 1º de BAC en centros educativos da provincia de Lugo e do resto de Galicia, aínda que tamén hai persoas interesadas de fóra de Galicia. Un feito que dá idea da diversa da procedencia de estudantes é que arredor de 50 xa se acolleron ao servizo de aloxamento ofertado entre os días 21 e 27 de xuño na residencia universitaria Abeiro da capital lugesa, unha estadía que estará supervisada por técnicos e monitores da A.D.C. Lumieira Lugo. Programa, escenarios e actividades As distintas actividades incluídas no campus de verán Xuvenciencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 20 propostas no marco dos dous itinerarios deseñados: científico técnico e científico social Proxectos científicos, técnicos a desenvolver O estudantado que tome parte en Xuvenciencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas pola USC par este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a coro, análise clínica, análise de proteínas, animal CSI, separación de proteínas, os científicos das letras, do laboratorio á cociña, un mar de animais, fotosíntese artificial, árbores en tubos de ensaio, introdución á fotografía científica, márketing e desenvolvemento de produtos, modelaxe 3D, narrando historias, prácticas clínicas veterinarias, reaccións químicas e electróns, química computacional, prácticas clínicas veterinarias, efecto invernadoiro ou un mar de animais.