Campus Vida acada a máxima cualificación na súa primeira avaliación como Campus de Excelencia de interese global

O Comité Internacional encargado da avaliación do Programa de Campus de Excelencia Internacional acaba de valorar coa máxima cualificación o Informe de Progreso do proxecto Campus Vida da Universidade de Santiago, correspondente ao período comprendido entre xullo de 2011 e setembro de 2012. O informe do comité valora positivamente o proceso de innovación docente na adaptación dos graos ao EEES, así como a mellora das infraestruturas, e confirma o potencial e competencia do Campus de Excelencia Internacional liderado pola USC no ámbito das Ciencias da Vida. O informe de avaliación destaca tamén os avances realizados pola Escola Internacional de Doutoramento, cunha oferta para o período analizado de 20 programas de doutoramento, con un 20 por cento de estudantes estranxeiros, un 18 por cento de teses europeas e unha notable participación en programas internacionais de formación. Nas súas consideración xerais, o Comité avaliador remarcou ademais positivamente a internacionalización de Campus Vida visible en diferentes redes de investigación internacionais, na mobilidade de investigadores estranxeiros ou a na importante participación en proxectos de investigación internacionais no campo biomédico. No apartado das fortalezas os expertos internacionais subliñan os avances cara a organización da investigación biomédica nun bioclúster que integra investigación, desenvolvemento e innovación, e destacan o avance na internacionalización da estratexia de transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento da valorización dos resultados de I + D. Polo que respecta ás debilidades, a avaliación realizada considera que a captación de investigadores é aínda algo débil, apuntando a necesidade de reforzar as estratexias de atracción de científicos de alto nivel e investigadores posdoutorais. A modo de valoración final, o Comité encargado da avaliación considera que o proxecto de Campus Vida no ámbito biomédico “está evolucionando moi ben”, e anima a trasladar as experiencias e avances a outras áreas da USC nas Ciencias da Vida. O reitor, Juan Casares felicitou a todos os membros da comunidade universitaria que contribuíron, co seu traballo, a que o Campus de Excelencia Internacional da USC acadara esta positiva valoración no período comprendido entre xuño de 2011 e setembro de 2012. O ministerio notificoulle esta valoración á Universidade e comunicoulle que, ao constatar unha evolución tan positiva, queda eximida de presentar informe de progreso o próximo ano, pedíndolle unicamente o informe final, cando rematen os catro anos.