Ir o contido principal

Campus Vida, un novo espazo universitario co horizonte en 2015

A presentación realizouse en Bioloxía coa participación de numerosos universitarios
A presentación realizouse en Bioloxía coa participación de numerosos universitarios
O reitor presentoulle á comunidade universitaria as actuacións concretas do Campus de Excelencia Internacional da USC

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, presentou esta mañá ante un auditorio cheo en Bioloxía o proxecto Campus Vida, que recentemente acadou o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional dos Ministerios de Educación e de Ciencia e Innovación.
Campus Vida, en execución desde hai varios anos, supón un redeseño do campus máis emblemático da USC, o Sur, e que constituíu na primeira metade do pasado século a aposta máis clara para camiñar cara a unha universidade moderna e con impacto internacional. Como resumiron conceptualmente esta mañá, Campus Vida é á vez Campus e ‘univercidade’ de excelencia internacional na educación superior, a investigación e o emprendemento, pensado para as persoas, comprometido co desenvolvemento sustentable e cun perfil singular en ciencias e tecnoloxías da vida.
Ciencias e Tecnoloxías da VidaA área de Ciencias e Tecnoloxías da Vida da USC, na que se integran máis de 750 investigadores, capta anualmente unha media de 14 millóns de euros procedentes de actividades de I+D, na súa meirande parte de accións e proxectos competitivos. Esta actividade, que supón o 43 por cento das publicacións xeradas na USC, trasladouse á sociedade a través de 24 patentes e 7 empresas spin-off creadas nos últimos tres anos.
Infraestruturas e urbanismoCampus Vida suporá a transformación total da fisionomía do Campus Sur, para o que se destinarán preto de 150 millóns de euros, dos que 23,6 proceden directamente da consideración do Campus de Excelencia Internacional. Con el contémplase a creación de novos centros docentes no ámbito das ciencias da saúde; unha Rede de Centros Singulares de Investigación; un ecosistema para a transferencia do coñecemento e a difusión da cultura emprendedora arredor do novo edificio Emprendia; así como a transformación urbanística, residencial, de integración urbana e de espazo natural.
En concreto, no presente ano o Campus Vida conta xa coa Aula Docente Roberto Novoa Santos (a carón do CHUS), o edificio Emprendia e o Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS), aos que hai que lles sumar a primeira fase do Xardín Botánico e a reforma do Auditorio da Universidade.
Co horizonte en 2012 Campus Vida verá concluída a rede de centros singulares de investigación cos de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), de Tecnoloxías da Información (CITIUS), de Investigacións Físicas (CIFUS) e de Ciencias e Tecnoloxías da Vida (CITEV). Ademais, acometerase o Centro de Biomedicina Experimental (CeBEGa), a nova Facultade de Medicina, a reforma das Facultades de Bioloxía e Química, das residencias universitarias e das instalacións deportivas, así como a reurbanización do Campus e a conclusión do novo edificio do Museo de Historia Natural Luis Iglesias.
Xa en 2015 concluirán os traballos das Escolas de Enfermaría, Odontoloxía e Técnica Superior, e das facultades de Farmacia e Ciencias da Educación e do Edificio UXA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2009.