Ir o contido principal

O Campus Virtual supera un ataque informático deliberado

A Área TIC da USC ten implementadas medidas de fortalecemento do sistema suficientes para asegurar un correcto funcionamento do Campus Virtual. FOTO: Santi Alvite
A Área TIC da USC ten implementadas medidas de fortalecemento do sistema suficientes para asegurar un correcto funcionamento do Campus Virtual. FOTO: Santi Alvite
Asegurado o seu correcto funcionamento logo dun ataque nas últimas horas, cuxos autores foron identificados. A USC fai un chamamento á responsabilidade da súa comunidade que de xeito maioritario se conecta con normalidade á plataforma dixital e desenvolve a súa actividade con absoluta responsabilidade.
Lugo, Santiago de Compostela

O Campus Virtual da USC volve funcionar con normalidade logo de que un grupo de persoas tentarán vulnerar o seu correcto funcionamento. De xeito intencionado e empregando ferramentas de repetición de accións ou función, xeraron contra este espazo Virtual un tráfico equivalente a máis de 12.000 conexións simultáneas nun espazo de tempo moi breve e puntual, impedindo o acceso dun numeroso grupo de usuarios/as. Ás persoas identificadas ata o momento, alumnos da USC, foilles notificada a suspensión cautelar das súas respectivas contas de usuario e os servizos asociados e recoñecida a súa autoría e implicación nos feitos.

Neste senso, a USC fai un chamamento á responsabilidade da súa comunidade que de xeito maioritario se conecta con normalidade á plataforma dixital da USC e desenvolve a súa actividade con absoluta responsabilidade. As accións dirixidas a impedir o acceso aos servizos informáticos ou aquelas que prexudican ou impiden o acceso doutros/as usuarios/as ás ferramentas dixitais da USC son actuacións sancionables tanto no contexto do regulamento do uso das TIC da USC como do propio ordenamento xurídico a través do Código Penal.

A Área TIC da USC ten implementadas medidas de fortalecemento do sistema suficientes para asegurar un correcto funcionamento do Campus Virtual e evitar situacións non desexadas. Periodicamente, esta Área desenvolve probas de estrés e outras orientadas a fortalecer a plataforma tecnolóxica da USC. Ademais, a partir da análise dos resultados obtidos ata o momento, traballa agora xunto co grupo TIC da CRUE na planificación doutras medidas preventivas como o reforzo dos sistemas de avaliación dos campus virtuais das universidades con sistemas externos redundantes. A información obtida pola USC a partir deste suceso xa foi reclamada por outras Universidades españolas que, na gran maioría empregan Moodle como ferramenta de referencia para os campus virtuais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2020.