Ir o contido principal

campUSCulturae convida a Toshio Hosokawa a participar no segundo encontro internacional de creación musical son[UT]opías

Foto: Christopher Peter
Foto: Christopher Peter
Nesta edición terá lugar a estrea absoluta da obra que o creador nipón compuxo para o proxecto

Toshio Hosokawa, o máis importante compositor vivo de Xapón, participará entre o 29 e o 31 de xullo en Compostela no segundo encontro internacional de creación musical de campUSCulturae, son[UT]opías 2014, un festival aberto á cidadanía a través dos concertos e actividades paralelas que se van celebrar no Paraninfo da Universidade, na Fundación Granell e no Auditorio de Galicia. Nesta edición o festival centra o foco sobre as relacións entre a arte de vangarda occidental e a tradición xaponesa. Durante tres días, son[UT]opías 2014 trazará un amplo retrato musical do compositor nipón a través de pezas a solo, música de cámara e repertorio orquestral, para culminar coa estrea mundial da obra que Toshio Hosokawa compuxo especificamente para campUSCulturae e que leva por título ‘Drei Engel-Lieder’ para so-prano e arpa. A formación residente de son[UT]opías, Vertixe Sonora Ensemble, a Real Filharmonía de Galicia, e a pianista Haruna Takebe, a soprano Yuku Kakuta e a arpista Naoko Yoshino participarán nas sesións musicais do festival. Hosokawa A obra de Toshio Hosokawa é internacionalmente recoñecida pola súa calidade, orixinalidade e autenticidade que se constrúe sobre unha permanente exploración de fronteiras e conexións culturais. A súa participación no festival organizado por campUSCulturae representa unha oportunidade para achegarse á súa música e para coñecer de primeira man un fascinante proceso creativo no que conflúen elementos da tradición oriental (budismo zen, natureza e Gagakuo ou caligrafía desde o xesto) con factores das artes occidentais integrados nunha proposta de vangarda. Por ese motivo, xunto coas sesións musicais, o programa do festival inclúe conferencias, demostracións, un foro aberto de compositores, un encontro con Toshio Hosokawa e unha conversa pública entre o compositor xaponés e o director inglés Paul Daniel. Co obxectivo de aproveitar a oportunidade que representa para os novos creadores a presenza por primeira vez en Galicia do compositor nipón, celebrarase tamén unha sesión de traballo específica para compositores. Ademais, , son[UT]opías 2014 abriu unha convocatoria de partituras á que chegaron máis de 40 orixinais sobre as que Hosokawa e Vertixe Sonora Ensemble realizaron unha rigorosa selección de dúas obras que serán obxecto dunha sesión extraordinaria de lectura e que van ser interpretadas na tempada 2014/15 do ensamble galego. Programa de concertos Antes do comezo do programa oficial, o sábado 26 terá lugar o concerto de presentación do festival aos medios de comunicación, que correrá a cargo do pianista Kentaro Koyanagi, ás 12.00 horas no Paraninfo da Universidade, con obras de L. v. Beethoven, F. Chopin, Hiroaki Tokunaga, Toru Takemitsu e Toshio Hosokawa. O Paraninfo da Universidade será tamén o escenario, xa o martes 29 de xullo ás 20 horas, do concerto inaugural de son[UT]opías 2014, que baixo o lema ‘Trazos’, ofrecerá Vertixe Sonora Ensemble con obras de Toshio Hosokawa, Isan Yun, Noriko Miura e Federico Gardella. O mércores 30 de xullo, ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia interpretará, baixo a batuta de Paul Daniel e canda á pianista Haruna Takebe, o concerto Pregaria, no que se escoitarán obras de W.A. Mozart e de Toshio Hosokawa. Os asistentes terán a oportunidade de presenciar a estrea en España de dúas obras do compositor xaponés. O concerto de clausura, titulado ‘Cantos’, que se celebrará o xoves 31 de xullo ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, terá como protagonistas á soprano Yuku Kakuta e á arpista Naoko Yoshino, que interpretarán obras de C. Debussy, T.Takemitsu e Toshio Hosokawa. Neste recital terá lugar a estrea mundial da obra composta por Hosokawa para o festival son[UT]opías de campUSCulturae.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2014.