campUSCulturae estrea en Compostela o festival son[UT]opías, encontro internacional de compositores e interpretes multiculturais
![campUSCulturae estrea en Compostela o festival son[UT]opías, encontro internacional de compositores e interpretes multiculturais campUSCulturae estrea en Compostela o festival son[UT]opías, encontro internacional de compositores e interpretes multiculturais](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/xornal/acontece/imaxes/2013_06/210613ensamble.jpg?itok=0eef8P-4)
A formación Atlas Ensemble ofrecerá a vindeira semana en Compostela unha oportunidade única de participar nun encontro internacional de compositores e intérpretes ao redor da música do este e instrumentos multiculturais. Bota a andar así o proxecto SonUTopías con este Atlas Academy que, entre o 27 e o 30 de xuño, desenvolverá na capital galega un intenso programa de actividades que inclúe presentacións, demostracións, conferencias, proxección de documentais, concertos e seminarios. Atlas Ensemble é unha orquestra de cámara única, afincada en Amsterdam, que reúne brillantes músicos de China, Asia central, Oriente próximo e Europa. O conxunto presenta un mundo de sons inexplorados a través de instrumentos procedentes de diferentes culturas e o seu repertorio consiste integramente en obras especialmente encargadas para a formación. En SonUTopias 2013 poderase escoitar algunhas destas obras e asistir, ademais, á estrea mundial de tres composicións que amplían o seu catálogo. A presenza da agrupación en Santiago brindará tamén a ocasión de gozar do son destes instrumentos nun concerto de música tradicional. O recital inaugural deste Atlas Academy correrá a cargo da formación residente de SonUTopías, Vertixe Sonora Ensemble, que tamén se encargará do peche, a través dunha combinación das súas propostas de música contemporánea cos sons de Atlas Ensemble. Vertixe Sonora Ensemble é un colectivo flexible que integra solistas de importante traxectoria na música contemporánea en Galicia e que se formula como un espazo aberto á reflexión sobre ela. Está formado por artistas sonoros, plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza, unidos pola vontade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva artística global. Ademais dos contidos académicos e formativos, fundamentalmente dirixidos a compositores e intérpretes, cada unha das xornadas do festival son[UT]opías pecharase cun concerto diario de acceso libre que terá lugar, sucesivamente, no Auditorio de Novagalicia Banco, na Igrexa da Universidade e, de maneira moi especial, na praza de Praterías, onde na noite do venres 28, os músicos interculturais de Atlas Ensemble converterán a fachada da Casa do Cabildo nun espectáculo de luz, cor e sons chegados de Oriente e Asia Central. campUSCulturae, o proxecto da Universidade de Santiago a favor das culturas do mundo, pon en marcha sonUTopias 2013-2016 como un foro de diálogo para creadores que fomente a nova creación a través da comisión, estrea e difusión de composicións. A matrícula no Atlas Academy é libre e gratuíta e ofrece un diploma de asistencia con recoñecemento europeo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a campUSCulturae.