CampUSCulturae inaugura a Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural
Fomentar iniciativas en prol do libro, a lectura e a diversidade cultural e lingüística é o obxectivo da Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural. O reitor Juan Casares, a directora da BUSC, Mª Isabel Casal, e os coordinadores do proxecto CampUSCulturae, Xosé A. Neira e Irene García, inaugurarán este martes 13, ás 12.00 horas, esta biblioteca singular de case cinco mil volumes de 60 culturas distintas e linguas do mundo. O centro, que se sitúa no colexio de Fonseca, nas instalacións da Biblioteca Xeral, conta ademais cun espazo expositivo, un centro de documentación especializado no libro infantil e xuvenil e unha sala para investigadores e presentacións literarias. Ademais albergará actividades periódicas relacionadas coa dinamización lectora, o libro, a diversidade cultural e a lectura.