Cancer Innova, acelerando o descubrimento temperá de fármacos en cancro

O proxecto Cancer Innova acaba de ver a luz para identificar as necesidades clínicas non cubertas polos actuais medicamentos oncolóxicos no menor tempo e custos posibles. Esta iniciativa é froito dun consorcio impulsado pola Fundación Kaertor de cuxo padroado forman parte o reitor Antonio López e os profesores da USC Mabel Loza e Ángel Carracedo.
Cancer Innova segue o modelo da iniciativa I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery), deseñada para abrir o camiño do descubrimento temperán de novos fármacos, pero enfocada ao cancro, unha das principais causas de morbi-mortalidade no mundo. Trátase dunha fórmula de colaboración público-privada altamente innovadora de emprendemento e transferencia de coñecemento que busca captar proxectos de gran alcance, executalos de forma eficiente coa metodoloxía da Fundación Kaertor, acurtando máis dun 70% os prazos medios e crear unha poderosa rede internacional contra o cancro conectada a este proxecto.
Tamén toman parte no consorcio a Asociación Española contra o Cancro en colaboración coas compañías farmacéuticas Janssen e Lilly. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, e bota a andar ao abeiro da Business Factory Medicines galega. Esta é unha iniciativa, pioneira en España con alcance global e exemplo de ciencia disruptiva”, explican dende Kaertor.
O consorcio atende especialmente á parte de I+D intensivo de alto risco, que é a que presenta maiores carencias financeiras en España. Por iso a Fundación Kaertor, en colaboración coa compañía Kaudal, constituíu unha Agrupación de Interese Económico (AIE) que complementa os custos de financiamento. Os proxectos que superen esta fase de I+D intensivo (incubación) diminuirían o seu risco, o que lles permitirá ser obxectivo dun investimento que garanta a chegada ás primeiras probas de concepto clínicas en humanos. Este primeiro consorcio, que permitirá atraer talento xerando ao redor de 20 postos de traballo (directos e indirectos) de alta cualificación, conta cun orzamento próximo aos cinco millóns de euros. A cobertura económica completa da cadea de valor realízase a través da Business Factory Medicines.
Na primeira convocatoria, Cancer Innova atraeu proxectos de oito países a través das 110 expresións de interese presentadas só durante o primeiro mes. A primeira fase, chamada de incubación (I+D acelerado), de aproximadamente un ano e medio de duración, deu prioridade a cinco propostas polo seu alto impacto clínico e industrial, que son supervisadas e avaliadas por un comité científico formado por 60 expertos globais para próximas fases do seu desenvolvemento industrial e chegada ao mercado.