Ir o contido principal

Os caneiros do Río Miño, tema da charla prólogo do ciclo de conferencias sobre a historia de Lugo

Organizada pola Asociación IV Ciclo, será este xoves en Maxisterio

A profesora Ana Cabana Iglesias ofrecerá este xoves 3 unha conferencia sobre a historia dos caneiros do Río Miño que servirá de prólogo ao ciclo de charlas sobre a historia da cidade de Lugo organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario do Campus de Lugo. Será na Escola de Formación do Profesorado do Campus lugués ás 19:30 horas.
O ciclo organizado por esta asociación recolle en cada unha das catro charlas restantes das que consta catro momentos cruciais do pasado da cidade que serviron para forxar o perfil do Lugo de hoxe en día.
O profesor Antonio Rodríguez Colmenero abrirá o ciclo para falar do Lugo Romano, o día 10. Unha semana máis tarde, concretamente o 17, será a vez de Adolfo de Abel Vilela para falar do Lugo Medieval. A etapa da Ilustración será o eixo da conferencia de Hortensio Sobrado Correa do 23 para pechar co Lugo do Liberalismo, o día 8 de maio, a cargo de Antonio Prado Gómez. No programa incluirase tamén un relatorio do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, aínda que a data está sen determinar.
As charlas do ciclo celebraranse tamén no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado, á mesma hora. A entrada é gratuíta e libre para todos os alumnos da USC e o público en xeral.
O ciclo está coordinado polo profesor Carlos Valiña e dos catro conferenciantes, tres son profesores da USC actualmente, cada un especializado na época histórica da que falará na charla e todos eles coñecidos especialistas no campo da investigación con numerosas publicacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.04.2008.