Os cans, os animais máis afectados por intoxicación e envelenamento

As intoxicacións animais atendidas no Servizo de Atención Toxicolóxica Veterinaria (SATVE) creado polo Hospital Clínico Veterinario Rof Codina no ano 2002 foron o eixo central da tese elaborada pola investigadora María del Carmen Nóvoa Valiñas, baixo a dirección de María Julia Melgar Riol, María Ángeles García Fernández e Marcos Pérez López, e que defendeu recentemente na Facultade de Veterinaria de Lugo.
O SATVE creouse tendo en conta o crecente efecto nocivo que posúen grande cantidade de substancias potencialmente tóxicas sobre os seres vivos. Trátase dun servizo ofertado a veterinarios, gandeiros e persoal de laboratorio co fin de aportar información útil e actualizada sobre todos aqueles aspectos relativos ás intoxicacións en animais domésticos ou silvestres, ao tempo que aporta respostas eficaces, á maior brevidade posible, a toda consulta que implique sospeita de intoxicación nestes animais.
Os cans son a especie máis afectada polas intoxicacións e envelenamentos, sendo o 48% do total. Séguenos os bóvidos co 12%, e os félidos co 8%. En calquera destas tres especies, a meirande parte das intoxicacións teñen unha orixe criminal, moitas veces a través de cebos. No resto das especies, a práctica totalidade das intoxicacións son accidentais e, sobre todo, de orixe alimentario.
Os profesionais clínicos veterinarios son os principais clientes deste servizo, xa que da súa man chegou o 71% do total dos casos consultados, a práctica totalidade por sospeitas de envelenamento ou intoxicación tanto en animais de compañía, como de renda ou salvaxes.
Aínda que o SATVE é un servizo susceptible de ser demandado dende calquera punto xeográfico, a maior porcentaxe de casos consultados entre 2001 e 2007 procedía de Galicia, sobre todo das provincias de Lugo e Pontevedra. De todos os xeitos, recibíronse casos clínicos doutras comunidades autónomas de España, e mesmo de países como Portugal, Arxentina ou Cuba.
As causas de intoxicación, en xeral, en animais son, en primeiro lugar, a exposición a plaguicidas, seguidas de medicamentos, velenos vexetais, metais e, por último, setas e velenos animais. No caso concreto dos envelenamentos, case a metade dos casos detectados corresponderon a dous tóxicos, o metiocarb (insecticida) e a estricnina (po cristalino branco, inodoro e amargo que provoca axitación, dificultade para respirar e convulsións, e que pode levar a un fallo cardíaco e á morte cerebral) e a un fármaco, o fenobarbital (barbitúrico con efectos sedantes e hipnóticos).
Segundo a tese realizada por María del Carmen Nóvoa, o número de intoxicacións atendidas no Hospital Rof Codina aumentou nun 225% dende a creación do SATVE e ata o ano 2007. O maior crecemento rexistrouse nos primeiros anos de funcionamento, se ben logo estableceuse a media duns 100 casos atendidos ao ano.