Ir o contido principal

A cantautora arzuá MJ Pérez presenta ‘Casandra’ na Casa do Saber no marco do ciclo ‘Lubicán Íntimo’

MJ Pérez, nun concerto
MJ Pérez, nun concerto
MJ Pérez estará acompañada en Lugo de Ailén Kendelman nun concerto que comezará ás 22.30 horas. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo

A cantautora arzuá MJ Pérez presenta este venres 23 de marzo, a partir das 22.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o seu terceiro disco. ‘Casandra’ dentro do ciclo Lubicán Íntimo, un programa impulsado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas orzamentarias a USC, Concello e Deputación de Lugo. O concerto é de acceso libre e de balde para todo o público interesado ata completar o aforo.

MJ Pérez acumula tres discos producidos, aínda que ‘Casandra’ constitúe o seu primeiro traballo de estudio. Nesta nova entrega musical, MJ Pérez conta coa colaboración da súa banda, pero tamén inclúe outras achegas especiais, como son Paco Cerdeira, Richi Casás, Ailén ou o zanfonista de Vilalba Martiño Cabarcos.

A artista supera ano tras ano novas metas na súa traxectoria. En 2016, acadou un segundo posto no VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña; en 2017 gañou o Xuventude Crea; xa en 2018 foi semifinalista dos Premios MIN da Música Independente e finalista dos Premios aRitmar Galiza e Portugal.

No concerto de presentación do seu último traballo en Lugo, MJ Pérez estará acompañada ao violín e percusións de Ailén Kendelman, integrante de A Panadeira, formación que vén de resultar unha das triunfadoras da última edición dos Premios María Casares.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2018.