A cara oculta do leite galego, novo faladoiro da Cátedra Juana de Vega en colaboración con Histagra
As formas de organización dos leiteros galegos e a súa relación coa sociedade, cos poderes e coa política serán este xoves 3 tema de análise dun novo faladoiro da Cátedra Juana de Vega da USC que se desenvolverá na sede da Fundación co mesmo nome de Oleiros e que será emitida en directo por juanadevega.org.
Coordinado polo catedrático do Departamento de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, no encontro discutiranse desde unha ollada local e en perspectiva comparada con outras latitudes as formas de organización e asociación do sector leiteiro, as últimas mudanzas, as novas formas de representación ou as oportunidades como actor económico.
O faladoiro comezará ás 10.00 horas cun debate sobre asociacións e organización no leite, no que o enxeñeiro agrónomo do Centro de investigacións Agrarias de Mabegondo César Rech comparará o modelo irlandés e o galego. A continuación, a experta en Historia agraria e enxeñeira agrónoma da Universidade sueca de Uppsala, Carin Martin, explicará a evolución da agricultura e o leite no seu país no século XX. O terceiro debate xirará en torno á mudanza das formas de organización e asociación no sector leiteiro desde 1975 ata hoxe, e nel intervirá o catedrático da Escola Politécnica Superior de Lugo Xoan Carlos Carreira Pérez.