Ir o contido principal

Carlos Doval achega a súa experiencia no mundo da música aos universitarios de Lugo

É o primeiro dos encontros entre estudantes e profesionais das artes escénicas que Lugo Cultural promoverá ao longo deste curso

Os universitarios de Lugo poderán coñecer de primeira man as experiencias de profesionais das diferentes artes escénicas a través dunha serie de encontros organizados por Lugo Cultural e que se desenvolverán ao longo do actual curso académico na Residencia Universitaria Bal y Gay.
O primeiro destes encontros terá lugar este martes 23 ás 21:30 horas e consistirá nun ‘Clinic demostrativo baixo electrónico slap e tapping’ a cargo do músico Carlos Doval, que comezou a súa andadura no mundo da música no ano 1988 tomando clases de baixo eléctrico con mestres da talla de Quique Alvarado, Kin García, Yadam González ou Tony Simoes, e formándose logo en harmonía e improvisación cos profesores Suso Atanes, Jeff Harrintong, Polo Ortí ou Jules Bikoko.
No ano 1995 empezou a estudar contrabaixo clásico no Conservatorio de grao medio de Lugo, para seguir logo coa súa formación nas materias de contrabaixo, harmonía, piano, combo e improvisación na Talento School de Madrid. Actualmente cursa estudos de piano moderno e harmonía na Escola de Música de Vallecas (Esmuva).
Carlos Doval formou parte de ‘A Coruña Big Band’, ademais de grupos de estilos tan diversos como o pop, rock, jazz ou fusión. É o caso de ‘Luz de Sombra’, ‘Starluxes’, ‘Clavijazz’, ‘Groovefathers’, ‘Madera de Pernambuco’ ou ‘Gravity Cero’.
Encontros coma este manteranse ata o mes de maio no Campus de Lugo co fin de que os estudantes amplíen a súa oferta de lecer ao tempo que se achegan ás experiencias de profesionais de diferentes campos artísticos, como a música, a danza ou o teatro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2010.