A Carqueixa gaña o XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A cooperativa cervantega A Carqueixa acada o XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado pola USC e Aresa dotado cun premio en metálico de 10.000 euros e placa conmemorativa. O xurado encargado de determinar o gañador desta edición, un tribunal presidido polo reitor da USC, Antonio López, e integrado polo presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o presidente do grupo Coren, Manuel Gómez-Franqueira; a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso Fernández, e a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, deu a coñecer este luns o seu veredicto logo de que as catro candidaturas finalistas: A Carqueixa, EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos e a Estratexia de loita ecolóxica fonte á praga de rata toupa desenvolvida polo profesor da USC na Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez Quintero, expuxeran os seus respectivos méritos no marco dunha sesión virtual.
O presidente da Cooperativa A Carqueixa, José Antonio Díaz González, manifestou o agradecemento por “un premio que sempre anima a seguir traballando”. Díaz González lembrou na súa intervención os orixes dunha cooperativa que naceu hai xa máis dun cuarto de século e que agrupa a máis de 200 veciños e produtores dos concellos da montaña luguesa. A Carqueixa naceu co obxecto de centralizar compras, pero agora tamén canaliza as vendas. “Coa marca Sabor dos Ancares, a tenreira suprema criada en liberdade está a experimentar unha boa acollida e xa comercializamos en liña máis dun 30% da produción”, dixo o presidente de A Carqueixa, que tamén agradeceu o apoio que está a recibir a entidade que preside do cineasta Oliver Laxe, a quen, atribuíu o éxito da xestión con Inditex para compra de carne dos Ancares.
Unha vez recollido o premio, José Antonio Díaz aproveitou a súa intervención para convidar a todas as persoas interesadas a participar na transhumancia do gando, un percorrido que cada primavera repiten uns 15 gandeiros de A Carqueixa para trasladar as súas vacas ata os montes dos Ancares de León.
O reitor Antonio López trasladou os seus parabéns á candidatura gañadora, pero tamén fixo extensiva a súa felicitación ás outras tres candidaturas finalistas, porque “representan as moitas posibilidades que ofrece o medio rural e tamén a pluralidade de iniciativas orientadas á súa valorización e, por conseguinte, tal e como rezan as bases do premio, dixo, “axudan a mellorar a calidade de vida das persoas que viven no medio rural”. López tamén tivo palabras de agradecemento para o grupo Aresa, ao tempo que trasladou ao seu presidente os parabéns por unha empresa que xa suma medio século de vida”.
O fundador do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, abundou nos agradecementos á USC por colaborar na organización deste premio, así como aos representantes das catro candidaturas finalistas, pero tamén das demais iniciativas presentadas á vixésima primeira edición dun galardón que proba “o compromiso de Aresa do desenvolvemento do medio rural, que constitúe un piar fundamental para a sociedade”.
Antes de facerse público o ditame do xurado do XXI Premio Aresa, o director de EFA Fonteboa, Luis García Fernández; o administrador de Aringal Cultivos, José Rodríguez Couceiro; o presidente de A Carqueixa, José Antonio Díaz, e o profesor e investigador da USC na Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez Quinteiro, fixeron unha breve presentación das súas respectivas candidaturas.
Méritos dos finalistas
O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa xorde no ano 1975 como unha iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do medio rural e desde ese ano leva graduado a uns 1.100 estudantes en Formación Profesional Agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións agrarias e contribúen no fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais.
Arnigal Cultivos nace da innovación en varias áreas para manter unha produción de Arnica montana constante e necesaria para a súa explotación comercial, pois unha parte importante da flor de árnica utilizada pola industria farmacéutica e cosmética provén da recollida en Galicia. Comezou a súa actividade en febreiro de 2020 coa comercialización dunha gama de tres produtos e coa aposta pola sustentabilidade mediante o cultivo ecolóxico, así como a utilización de solventes e tecnoloxías verdes de extracción e a xestión e reutilización de residuos.
A Cooperativa A Carqueixa, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.
O proxecto ‘Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa’, presentado por Pablo Sánchez Quinteiro, pretende aportar a experiencia dos membros do grupo de Neuroanatomía do departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria da USC no estudo da comunicación química dos mamíferos para o desenvolvemento dunha estratexia de control para este tipo de praga baseándose na utilización de sinais químicos producidos pola propia rata toupa (feromonas) e polos seus depredadores, fundamentalmente o raposo (cairomonas), nas zonas afectadas.
Palmarés do Premio Aresa
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), Asociación de Criadores de Raza Porco Celta, Asoporcel (2019) e A Carqueixa (2020).