Carreira e Carral chaman a reflexionar sobre o cometido da agricultura nun ensaio que aborda a realidade de Galicia

Os profesores da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Xoán Carlos Carreira Pérez e Emilio Carral Vilariño, presentaron este xoves no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ensaio sobre agricultura familiar e a pequena escala ‘O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa: O caso galego’, un volume no que os autores convidan a facer unha reflexión en profundidade sobre os cometidos reais da agricultura familiar e a pequena escala.
“A terra é básica para a vida”, subliñou o enxeñeiro agrícola Ramón Fuentes Colmeiro na presentación deste novo volume sobre a realidade da agricultura en Galicia, no marco dun concurrido acto no que manifestou o seu total rexeitamento respecto das prácticas actuais da agricultura, “que nin é agricultura nin é nada”, dixo, para logo engadir, non sen certo catastrofismo, que de non mudar as cousas, en poucos anos acabarán coa terra, os paxariños, os insectos... con todo”. A necesidade de cambios e de transformacións nas prácticas agrarias e agropecuarias advertidas polo profesor Fuentes Colmeiro, para quen, segundo el mesmo confesou, “a agricultura é un vicio”, constitúe tamén unha das claves da obra que veñen de presentar o biólogo Emilio Carral Vilariño e o enxeñeiro agrónomo Xoán Carlos Carreira Pérez, un ensaio que quere servir para abrir un novo debate en profundidade. Os autores de ‘O pequeno é grande. A Agricultura familiar como alternativa: O caso galego’ analizan a importancia da agricultura a pequena escala nunha obra que teñen cabida numerosas revisións bibliográficas e de investigacións, así como conclusións propias dos autores, hipóteses e ideas prospectivas que incentivan unha reflexión profunda sobre a necesaria nova etapa que debe comezar para a agricultura en Galicia. Neste ensaio, os profesores Carreira e Carral buscan respostas a preguntas clave: Quen habita hoxe no medio rural?, cales son os diferentes tipos de explotacións agrarias galegas na actualidade? ou cal é o cometido da agricultura a pequena escala?. O medio rural e a agricultura ten mudado moito nas últimas décadas, pero no século XXI, o minifundio continúa a ser un problema para o desenvolvemento agrario de Galicia ou, dalgún xeito, responde a unha agricultura de precisión feita, iso sí, con grande esforzo, preguntan Carreira e Carral. Estes autores tamén se cuestionan se son certas ou non as ideas nas que se fundamenta a consideración de que as explotacións labregas familiares son marxinais. Neste debate aberto que buscan encetar para acadar a “reformulación da agricultura que precisa Galicia”, coa publicación deste ensaio, Carral e Carreira tamén deixan sobre a mesa a conveniencia ou non dun novo paradigma de agricultura, entendido non só na dimensión da produción de alimentos, senón tamén como actividade fornecedora de servizos á sociedade.