A I Carreira Universitaria Solidaria percorrerá Campus Vida este xoves
A Fundación USC Deportiva, xunto coa coa Universidade de Santiago e a Federación Galega de Atletismo, organizan este xoves 23 en Campus Vida a I Carreira Universitaria Solidaria. Os fondos recadados destinaranse á Fundación Arela, de apoio á infancia e á mocidade, e á Asociación ASANOG, de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia. A proba estará apadriñada polo recente campión de España de maratón, Pedro Nimo, e conta coa colaboración de Campus na Nube e a asociación de alumnos de 6º de Medicina RunForMed. Todas as categorías sairán ás 19:30 horas da avenida Antonio R. Ibáñez (ao carón das pistas de tenis da USC) e o punto de chegada será no Estadio de Atletismo da USC. A carreira dará dúas voltas a un circuíto ata sumar un total de 5,7 km. Habilitarase un servizo de duchas, vestiarios e gardarroupa para todos as persoas que participen. A carreira conta con oito categorías diferentes (cadete, xuvenil, junior, promesa, senior e veteranos A, B e C). Dado o carácter solidario da proba en beneficio das asociacións mencionadas, as inscricións terán un donativo de 5€ + 3€ de gastos de organización. Quen non queira correr, pode colaborar economicamente de igual maneira a través dun Dorsal Cero.