A I Carreira Virtual Solidaria impulsada por Alumni USC desenvolverase os días 27 e 28 de febreiro

A Asociación de Antigos/as Alumnos/as e Amigos/as da USC celebrará os días 27 e 28 de febreiro a súa I Carreira Virtual Solidaria. Todo o recadado será doado á Asociación Paluso e destinarase á compra de alimentos. Esta carreira virtual realizarase a través da aplicación RockTheSport e os participantes deberán rexistrarse primeiro nesta ligazón, aportando a cantidade simbólica de tres euros alén dos 22 céntimos de gastos de xestión da aplicación.
Os participantes poderán saír a percorrer os cinco quilómetros establecidos en calquera lugar dende as 06.00 horas do sábado 27 ata as 23.00 horas do domingo 28 de febreiro. A aplicación será a encargada de rexistrar a distancia e o tempo, de xeito que clasifique os integrantes automaticamente. A organización outorgará medallas para os tres primeiros clasificados na categoría masculina e na feminina.
