Ir o contido principal

A Casa do Saber de Lugo acolle este xoves un concerto de seis profesores de música de vento, corda, percusión e metal

A actuación, que servirá de peche dos obradoiros de verán organizados polas escolas de música de Begonte e Rábade, comezará ás 20.00 horas. A entrada será de balde

Seis profesores de música de vento, corda, percusión e metal ofrecerán este xoves 31 de xullo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto no que interpretarán diversas composicións clásicas.

O elenco de músicos que serán protagonistas desta actuación conxunta está formado polo saxofonista Alfonso Felipe Belíjar, Pablo Dopazo (bombardino), os trompetistas Manuel Dávila e Adrián Lage, ademais de polo percusionista Marco A. Mendoza e a pianista Susana Díaz. Este concerto, que servirá asemade de acto de peche dos obradoiros de verán 2014 organizados polas escolas de música de Rábade e de Begonte, que xestiona a asociación sen ánimo de lucro Músico Crisanto, estrutúrase en actuacións individuais, durante as que cada concertista interpretará dúas ou tres pezas, ademais de varias intervencións conxuntas. O concerto é de carácter gratuíto para todas as persoas interesadas en coñecer e gozar desta oferta musical. O aforo que acubillará esta actuación colectiva ten capacidade limitada e conta con preto de 100 butacas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2014.