Ir o contido principal

A Casa do Saber de Lugo acollerá do 16 ao 21 a proxección de 35 curtas no marco da XXXV Semana Internacional de Cine de Autor

Autoridades e organizadores, na presentación da XXXV Semana Internacional de Cine de Autor
Autoridades e organizadores, na presentación da XXXV Semana Internacional de Cine de Autor
O vicerreitor Pedro García Herradón participa na presentación do programa organizado polo Grupo Fonmiñá e que inclúe oito seccións diferenciadas noutros tantos escenarios

A Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo acubillará do 16 ao 21 de setembro a proxección dun total de 35 curtas no marco da celebración da XXXV Semana Internacional de Cine de Autor, organizada polo Grupo Fonmiñá e cuxa programación completa foi presentada este martes no salón de actos da Deputación de Lugo.

O director da XXXV Semana Internacional de Cine de Autor, Manuel Curiel Fernández, deu conta de boa parte das novidades incluídas nesta nova e ampla proposta cinematográfica que o Grupo Fonmiñá levará por ata sete escenarios da capital luguesa entre o 16 e o 21 de setembro. O auditorio municipal Gustavo Freire será de novo o epicentro desta XXXV Semana Internacional de Cine de Autor, xa que acollerá a proxección das producións incluías na sección oficial. As curtas da sección oficial, así como a sección infantil e as películas que conforman a sección denominada ‘O mellor do ano’ tamén se poderán visualizar no auditorio municipal, en horario de tarde, desde o luns 16 ata o sábado 21 de setembro. A Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo acubillará de luns a venres, a partir das 20.00 horas, as curtametraxes englobadas no ciclo ‘As curtas tamén son cine’, mentres que, a Biblioteca Provincial acollerá, tamén no mesmo horario, as proxeccións da sección ‘Y, para comer... Lugo’. As producións da sección especial poderán visualizarse no salón de actos de Nova Galicia Banco, mentres que o Museo Provincial de Lugo será o escenario no que se proxecten os traballos da sección ‘Rodado en Lugo’. As entradas serán de balde para os ciclos de cine lugués e de gastronomía, así como para a sección especial e tamén para as curtas proxectadas na Casa do Saber. A diferenza o prezo das entradas para a sección infantil será de 2,50 euros, a metade do custo das entradas para a sección oficial. Asemade, as persoas interesadas en asistir ao ciclo ‘Lo mejor del año’ deberán pagar tres euros por entrada. A presentación da XXXV Semana Internacional de Cine de Autor congregou este martes na Deputación a representantes das distintas entidades públicas e privadas que colaboran co Grupo Fonmiñá na celebración deste evento. O acto comezou cunha pequena representación teatral do grupo Achádego no exterior do Pazo de San Marcos. O deputado delegado da área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, abriu a quenda de intervencións. O presidente do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz; a concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o xefe territorial de Presidencia en Lugo, José Manuel Rozas; Walter Álvarez, director de Novagalicia Banco en Lugo, e o director da semana de cine, Manuel Curiel, completaron as intervencións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2013.