Ir o contido principal

A Casa do Saber será unha das sedes da 34 Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo

Cartel anunciador da 34 Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo
Cartel anunciador da 34 Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo
A Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo colabora con este certame, que se desenvolverá entre o 17 e o 22 de setembro

O auditorio da Casa do Saber, no edificio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, é un dos espazos nos que se realizarán as proxeccións da Semana Internacional de Cine de Autor da capital lucense, que este ano chega á súa trixésimo cuarta edición. Concretamente, a Casa do Saber acollerá a proxección das pezas que compoñen a sección ‘As curtas máis premiadas’, unhas das categorías do certame. O público asistente a cada unha das sesións poderá elixir a mellor curtametraxe de entre as proxectadas mediante as papeletas de votación que se lles entregarán á entrada na sala. No caso da sección de curtametraxes que acolle a Casa do Saber, a entrada será gratuíta ata completarse a capacidade da sala. Ademais desta sede, a 34 Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo desenvólvese ata o sábado 22 noutros escenarios da cidade: o auditorio Gustavo Freire, o Museo Provincial, a Biblioteca Provincial, a Galería Sargadelos e o auditorio NovaCaixaGalicia. A Casa do Saber acollerá o luns 17 a proxección dos traballos realizados polos alumnos da Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo; e o martes 18, xa dentro da sección ‘As curtas máis premiadas’, emitiranse as pezas Oxitocina, El cortejo, Crisis, Burocracia, 5 millones, Cosqullitas, Au revoir, Fábrica de muñecas e Posturas. O mércores 19 as curtas proxectadas serán Salón Royale, No, Lone-Illness, La mujer del hatillo gris, Amarillo limón, Friensheep e Solo sé que no sé nada. O xoves 20 será a quenda para as obras Luminaris, Profesor Brofman, Purta con puerta, Último beso en Roma, Despejado, L’equip petit, Una flor en recepción e Ngutu. E o venres 21 remata o ciclo ‘As curtas máis premiadas’ coa presentación de La mirada perdida, On my mind, Una historia sin palabras, Viejos perdedores, Niña vértigo, Cielo rojo al amanecer, Clara.El Mar e Los ojos de Laia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2012.